Concerto-demostración con instrumentos medievais

O centro cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación acolleu onte, 3 de febreiro, un concerto-demostración con instrumentos medievais no que se empregaron as pezas reproducidas polo Obradoiro de Instrumentos da Deputación do Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense.

O concerto correu a cargo do director do Obradoiro, Manuel Brañas, Olga Brañas, Pancho Álvarez e Carlos Castro. No concerto empregaron instrumentos como violas, laud, salterio, harpa, flauta, organistrum… todos eles do Pórtico do Paraíso, así como unha zanfona das cantigas de Alfonso X.

Trala demostración, os integrantes do Ateneo de Ourense, da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e da Asociación de Estudios Santa Mariña de Augas Santas, que asistiron a esta actividade cultural, tiveron a oportunidade de coñecer as obras expostas en “Leonardo, o músico” da man de Manuel Brañas.

Publicidade Premer na Imaxe

Esta iniciativa cultural veu a completar as actividades programadas co gallo da exposición “Leonardo, o músico” que actualmente se pode visitar no centro cultural “Marcos Valcárcel” e que recolle a faceta de Leonardo da Vinci como deseñador de instrumentos musicais. A mostra “Leonardo, o músico” poderá visitarse ata o 23 de febreiro.