Novo centro de día de Afaor

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe as obras de construción do novo centro de día da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (Afaor), que se están levando a cabo nun local da rúa Chano Piñeiro, no barrio de Barrocás. Estas instalacións serán un referente en Galicia na atención integral dos enfermos de Alzhéimer, e a Deputación de Ourense colabora e seguirá a facelo con Afaor, “para seguir impulsando melloras en favor dos enfermos, as súas familias e os coidadores”, destacou o presidente do goberno provincial, salientando “o gran labor social que leva a cabo Afaor na provincia de Ourense”.

Publicidade

As novas instalacións, que abranguen unha superficie de 800 metros cadrados, teñen prevista á súa apertura en setembro deste ano, e nelas desenvolveranse labores de prevención da enfermidade, talleres de memoria, cálculo e linguaxe, así como formación para familiares e profesionais. Na súa visita, Manuel Baltar estivo acompañado pola presidenta e o xerente de Afaor, Mariló Neira e Óscar Doval, respectivamente, así como por directivos da asociación.

Afaor, que conmemora este ano o seu 25 aniversario, conta con 350 socios e atende semanalmente a unhas 400 persoas na provincia de Ourense. A apertura do novo centro de día -que realizará labores de formación, talleres de estimulación cognitiva e rehabilitación funcional para enfermos de Alzhéimer- permitirá duplicar o número de persoas atendidas diariamente –pasando de 60 a 120- e tamén o de persoal, que conta na actualidade con 15 persoas.