Novidades da Ourense ICC Week 2020

A Semana das Industrias Culturais e Creativas “Ourense ICC Week” 2020 volve centrar un ano máis a súa imaxe no patrimonio cultural da provincia de Ourense, convertendo nesta sexta edición á Ribeira Sacra na protagonista. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o coordinador da ICC Week Juan Rivas, presentaron este venres a imaxe desta edición, xunto cun avance da programación, que traerá a Ourense, entre outros, ao músico Juan Perro e os ritmos africanos do Festival Nómada Harmatán.

Publicidade

A Ribeira Sacra convértese na imaxe referencia desta Ourense ICC Week. Resáltase a súa importancia como valor cultural e patrimonial, remarcando a aposta que se fai desde a Deputación de Ourense na súa candidatura para converterse en Patrimonio da Humanidade, como destacou o presidente da Deputación de Ourense Manuel Baltar.

O presidente salientou tamén o Festival de música africana, Harmatán, que lle dará un plus de internacionalidade e riqueza cultural “a un evento como é a ICC Week, perfectamente deseñado, que ano tras ano vai incrementando o público asistente e os diferentes relatorios e actividades”.

A sexta edición da Ourense ICC Week celebrarase entre os días 31 de marzo e o 5 de abril, “datas que suporán un novo punto de encontro para persoas expertas, emprendedoras e profesionais da creatividade, en diferentes puntos da provincia para debater, analizar e gozar coas diferentes propostas culturais e de lecer que ofrece a programación desta cita”, expresou Juan Rivas.

Por último, os organizadores destacan un dos eventos que xa teñen entidade propia dentro da axenda ICC Week, como son os E-Sports, que reúnen durante esta semana a un considerable público de afeccionados e profesionais dos videoxogos e nesta edición volverán ter unha presenza destacada.

Este avance da programación é simplemente unha pequena parte do extenso calendario de citas musicais, culturais, de debate ou de E-sports que de novo situarán a Ourense como  punto de encontro da vangarda creativa audiovisual e cultural coa organización da Ourense ICC Week 2020, a Semana das Industrias Culturais e Creativas que organiza a Deputación de Ourense.