Presentación do 32º Campionato Galego de Piragüismo de Inverno

 O parque náutico de Castrelo de Miño acollerá o 15 de febreiro, o 32º Campionato Galego de Piragüismo de Inverno que, xunto coa proba de control que terá lugar o 22 de febreiro no mesmo lugar sobre unha distancia de 2000 metros, marcarán os tempos de referencia dos palistas para o posterior Campionato de España que se celebrará en Sevilla.

Publicidade

A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o  vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Castrelo de Miño, Esteban Suárez; o xefe do servizo provincial de Deportes de Ourense, Manuel Pérez; o delegado provincial da Federación Galega de Piragüismo, José Manuel Fernández; e o presidente do Club Fluvial de Avión, Pedro Andrés García.

A Deputación de Ourense colabora con esta proba na que os participantes percorrerán unha distancia de 5.000 metros nas modalidades de K1 e C1, con categorías xuvenil, senior e veterano. Rosendo Fernández destacou a idoneidade do parque náutico de Castrelo de Miño para ser a sede de eventos deportivos tan importantes para o piragüismo galego. Neste sentido, Esteban Suárez dixo que o parque náutico de Castrelo de Miño é “un dos mellores alicientes que temos a nivel provincial e autonómico para o deporte, o turismo e o lecer”.

Pola súa parte, José Manuel Fernández lembrou que se trata da “cuarta edición consecutiva que a Federación comeza as competicións oficiais na provincia de Ourense” e dixo que esperaban incrementar o número de participantes no campionato con respecto ao 2019 afirmando que o ano pasado se deron cita “430 deportistas procedentes de 41 equipos da Comunidade pero, este ano, esperamos manter o número de clubs participantes pero medrar no número de inscritos coa creación da categoría Sub23 chegando así aos 500 deportistas”.

O xefe do servizo provincial de Deportes de Ourense salientou que a nosa provincia acolle numerosas probas de diferentes disciplinas deportivas asegurando que este campionato é “un reflexo de que Ourense está á cabeza dos eventos deportivos”.

OURENSE. 19.06.2016 CASTRELO DO MI„O, CAMPEONATO GALLEGO DE PIRAGUISMO, CANOAS Y KAYAKS. FOTO: MIGUEL ANGEL