Presentación do Estudo Socioconómico E Estratéxico do C.R.D.O. Ribeiro

IES CHAMOSO LAMAS

O C.R.D.O. Ribeiro presentará mañá, 8 de febreiro, en Arnoia a estratexia propia para a dinamización socioeconómica do seu territorio elaborada por unha equipa de dez expertos pertencentes ás tres universidades galegas.  Os resultados deste traballo expoñeranse na antiga Cooperativa do Pemento da Arnoia a partir das dez da mañá. A xornada, que leva por título “Onde o mundo se chama Ribeiro. Presentación do Diagnóstico socioeconómico e Estratéxico do C.R.D.O. Ribeiro”, será de entrada libre.

Con este traballo o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro dótase dunha ferramenta que lle permitirá coñecer polo miúdo o que está a acontecer no tecido económico e social do seu territorio ao tempo que servirá como instrumento para a toma de decisións estratéxicas que lle permitan afrontar o futuro con garantías. O programa divídese en dous bloques ben diferenciados que responden ás dúas áreas máis decisivas en calquera traballo sobre a posta en valor da cadea de produción do viño: “Terra e explotacións vitícolas” e “Industria e Mercado”.

Este traballo foi financiado integramente pola Deputación Provincial de Ourense e contou cun orzamento de 41.500 euros. Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, será o encargado de clausurar o evento ás 13.30 horas, acompañado polo presidente do C.R.D.O.  Ribeiro, Juan M. Casares.