O PSdeG-PSOE de Punxín denuncia “irregularidades” na concesión da casa niño do municipio e anuncia “medidas” para coñecer os motivos desta concesión. A voceira socialistas no Concello, Lorena Peleteiro, denuncia que “a persoa beneficiaria da concesión non cumpre os requisitos da convocatoria o non residir en Punxín” e afirma que “unha veciña de Punxín solicitou a concesión, pero foille denegada para darlla a esta outra persoa que non reside no municipio”.

Dende o Grupo Municipal Socialistas amosan a “sorpresa”, xa que segundo informan, “o propio alcalde é coñecedor desta situación”, polo que se preguntan “cal é o motivo que leva o goberno municipal de Punxín a cometer estas supostas irregularidades, que provocaron que unha veciña do municipio non obtivese a axuda para a posta en marcha da casa niño e si a obtivese unha veciña de Ourense”, explica Lorena Peleteiro.

A voceira socialista vai máis aló e fala de “emprego do Concello para fins propios”, afirmando que “en Punxín xa estamos cansos de que se utilice o Concello como se fose a casa do alcalde” e acusa o alcalde do Partido Popular de “facer e desfacer segundo lle conveña na vida municipal”. Peleteiro asegura tamén que no caso da casa niño “superáronse límites que non podemos permitir”.

O PSdeG-PSOE en Punxín ten claro que “esta concesión vai en contra da propia disposición pola que se establecen as bases que rexen as axudas para a posta en marcha da casa niño e o alcalde é consciente desta situación”. Os socialistas cuestiónanse cal é por tanto “o interese que ten o goberno municipal de Punxín en que se lle conceda a xestión da casa niño a unha persoa que non reside no municipio?”.

O Grupo Municipal Socialista xa presentou un escrito no que solicitan información e a documentación pertinente do expediente de adxudicación da xestión da casa niño, pero “polo momento non recibimos resposta”, subliña Lorena Peleteiro, quen tamén apunta que “no caso de que non nos contesten, como xa é costume neste goberno, tomaremos as medidas oportunas para ter acceso a información e coñecer de primeira man o motivo da adxudicación a unha persoa que non reside en Punxín e ante unha situación que priva a unha veciña do noso concello de xestionar a casa niño”.