A Xunta lamenta que o Partido Socialista se sitúe sistematicamente en contra de todos os investimentos

Convida á agrupación socialista de Ourense a antepoñer os intereses da cidade a calquera outra motivación que o estea a levar a atacar, sen argumentos nin alternativas, os proxectos estratéxicos da Xunta na cidade.

Publicidade

Só un posicionamento electorialista pode explicar que o Partido Socialista de Ourense se manifeste en contra da construción dunha residencia de maiores nos terreos da actual estación de autobuses.

A construción desa residencia de maiores nos terreos da actual estación de autobuses permitirá dispor dun equipamento social altamente demandado nun emprazamento máis céntrico e mellor conectado que o incialmente previsto.

Ademais, con esta iniciativa garántese un uso público e social para o espazo hoxe ocupado pola estación de autobuses, evitando así o seu abandono e degradación, en beneficio do barrio do Pino.

Esta iniciativa forma parte dun proxecto de cidade da Xunta en Ourense, completando a construción da nova terminal de autobuses da estación intermodal que se está a executar no barrio da Ponte.

O Goberno galego considera necesario que o Partido Socialista de Ourense se poña ao carón dos intereses da cidade e apoie estas actuacións. Ademais, convídalle a defender os intereses de Ourense demandando que o Ministerio de Fomento concrete a data prevista para a finalizacióndas obras do AVE a Galicia e informe sobre as súas previsións de cumprimento dos compromisos adquiridos coa estación intermodal.