A Deputación de Ourense destina máis dun millón de euros en programas de cooperación

IES CHAMOSO LAMAS

O pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe inicialmente, na sesión ordinaria correspondente ao mes de febreiro, os programas de cooperación “BenOurense Infancia” e “BenOurense Infancia-Servizos Complementarios” e o “Servizo de Axuda no Fogar básico 2020”, a través dos cales destina un orzamento total que ascende a 1.150.489 euros.

A Deputación de Ourense, a través do programa “BenOurense Infancia”, concede axudas ás corporacións locais para o mantemento dos “Puntos de Atención á Primeira Infancia (PAI)”, establecementos de carácter diúrno e titularidade municipal situados en concellos de menos de 5.000 habitantes e encadrados nos servizos sociais especializados, prestando apoio aos pais dos nenos de entre 3 meses e 3 anos. O orzamento destinado a este programa ascende aos 125.000 euros.

HIPER MASIDE

Outro dos programas de cooperación: “BenOurense Infancia-Servizos Complementarios” concede axudas ás corporacións locais para o mantemento dos “Servizos complementarios á infancia”, entendidos como aqueles servizos de titularidade municipal, que por xestión directa ou indirecta e en xornada diúrna, desenvolven funcións de atención e coidado fóra da xornada ordinaria dos centros escolares para nenos de entre 3 e 12 anos actuando como soporte e apoio as familias e contribuíndo á conciliación da vida laboral e familiar. O orzamento destinado a este programa é de 125.000 euros.

E o terceiro dos programas: “BenOurense Servizo de Atención no Fogar (SAF) básico” regula a concesión de axudas ás entidades locais da provincia de Ourense de menos de 20.000 habitantes que presten o servizo de atención no fogar básico. Están incluídas tamén as mancomunidades intermunicipais que xestionen servizos sociais dun conxunto de municipios con menos de 20.000 habitantes. O orzamento total dispoñible para estas axudas ascende aos 900.489 euros.

Por outra banda, a corporación provincial aprobou a adhesión da Deputación de Ourense á declaración institucional da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) con motivo do Día Internacional da Muller do ano 2020. E, no apartado cultural, aprobouse outorgar o título honorífico de fillo predilecto da provincia de Ourense ao escritor ourensán Alfredo Conde Cid, “como recoñecemento do noso pobo a un destacado veciño, cuxa frutífera traxectoria literaria e vital o sitúa como un dos escritores máis insignes que deu o noso país”.

A totalidade dos acordos do pleno foron os seguintes:

ADHESIÓN Á DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA FEMP CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER 2020

Acordo:

Aprobar a adhesión da Deputación Provincial de Ourense á declaración institucional da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) con motivo do Día Internacional da Muller do ano 2020, que di o seguinte:

“Ao cumprirse 25 anos desde que a Plataforma de Acción de Beijing ditaminou o plan de acción para eliminar a práctica arraigada que nega a participación pública equilibrada das mulleres en todo o mundo, os Concellos, Deputacións, Cabildos e Consells Insulars reunidos na FEMP declaramos, un ano máis, a nosa firme vontade de continuar construíndo unha sociedade xusta, onde homes e mulleres teñan os mesmos dereitos e onde nenas e nenos crezan en igualdade de oportunidades, con independencia do seu xénero.

Cada Día Internacional da Muller, gobernos, institucións públicas e privadas, asociacións civís, axentes sociais e cidadanía saen ás rúas dos nosos pobos e cidades para facer balance dos logros alcanzados e esixir, cunha única voz, o cumprimento das medidas, tantas veces acordadas, que garantan, en nome do dereito e da xustiza, unha sociedade paritaria e participativa.

Este ano conmemoramos tamén o 5º aniversario da aprobación da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e o seu firme compromiso para lograr o empoderamento de todas as mulleres, recoñecendo a importancia dunha axenda global ao redor dunha axenda compartida. Por iso, renovamos o noso compromiso co fomento da participación dos Gobernos Locais na elaboración e revisión de estratexias de igualdade e no fomento do diálogo multinivel cos diferentes ámbitos da Administración Local, Autonómica, Estatal, Europea e Internacional.

Este 2020, o 8 de marzo cobra unha especial importancia porque á revisión dos logros é preciso sumar á súa defensa e a súa protección. Debemos seguir reunindo esforzos, desde a legalidade e a equidade e coas voces de todas e de todos, para que as mulleres vivan libres de medo, perciban o mesmo salario por un traballo de igual valor e estean representadas, en igualdade, nos órganos de decisión políticos e empresariais para propiciar a súa participación nunha sociedade que é tan súa como a do resto.

E para iso, corresponsablemente, homes e mulleres debemos impulsar o camiño que permitirá crear e consolidar economías e sistemas sociais e políticos baseados na defensa dos dereitos e liberdades fundamentais e na que os Gobernos Locais debemos asegurar o seu desenvolvemento en pé de igualdade.

En definitiva, para que a igualdade de xénero sexa unha realidade. Por todo iso, os Gobernos Locais, reunidos na FEMP, propoñemos as seguintes iniciativas:

-Convidar a todas as Entidades Locais a adherirse a esta Declaración e sumámonos a todas as voces que claman por un futuro sen discriminación por razón de xénero, onde homes e mulleres formen parte da nosa sociedade en igualdade de dereitos e responsabilidades.

-Recoñecemos as medidas da Plataforma de Acción de Beijing como eixo estratéxico de traballo e asumimos, como propias, as esferas de especial preocupación: pobreza, educación e capacitación, saúde, violencia, conflitos armados, economía, poder e toma de decisións, mecanismos institucionais, dereitos humanos, medios de comunicación e medio ambiente.

-Reafirmar o noso compromiso coa cidadanía e coas súas necesidades, coa igualdade de trato e de oportunidades e co mandato constitucional que persegue o pleno establecemento dunha igualdade real e efectiva.

-Recoñecemos que a desigualdade se fundamenta en crenzas e comportamentos con base estrutural diversa, e asumimos a importancia de promover accións formativas e de sensibilización social.

-Ratificamos o noso compromiso coa Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e co seu Obxectivo nº 5, relacionado coa Igualdade de Xénero, e recoñecemos aos colectivos vítimas de discriminación múltiple, moitas veces ocultos ata o de agora, como o das mulleres con discapacidade.

-Insistimos na necesidade de intensificar os esforzos no desenvolvemento de políticas encamiñadas a fomentar o emprego e o emprendemento, a educación para a igualdade de oportunidades, a incorporación das mulleres á sociedade da información e o apoio ás mulleres que viven no ámbito rural.

-Reclamamos a necesidade de dotar ás Entidades Locais dos medios necesarios para levar a cabo as competencias fixadas no Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero, para garantir o impulso de actuacións que contribúan á convivencia, o progreso e o desenvolvemento social e económico sostible.”

DELEGACIÓN NA DEPUTACIÓN DO EXERCICIO DAS COMPETENCIAS DE RECADACIÓN EN VÍA EXECUTIVA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS DO CONCELLO DE BOBORÁS

Acordo:

Aceptar a delegación de competencias efectuada polo Concello de Boborás a favor da Deputación Provincial, mediante acordo plenario de data 30 de xaneiro de 2020, para a recadación executiva do imposto sobre construcións, instalacións e obras, nas condición recollidas no acordo de delegación do Concello de Boborás.

MODIFICACIÓN DAS BASES DE EXECUCIÓN DOS ORZAMENTOS DO INORDE N.º 1/2020

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente a modificación das bases de execución dos orzamentos do INORDE n.º 1/2020, para a especificación da dotación orzamentaria e beneficiario das subvencións, segundo o cadro seguinte:

Beneficiario Finalidade Importe €
Confederación Empresarial de Ourense (CEO) Desenvolvemento de accións empresariais e gastos de funcionamento 2019 56.000,00

PRÓRROGA DA ASUNCIÓN POLA DEPUTACIÓN DE OURENSE DOS SERVIZOS MÍNIMOS DO CONCELLO DOS BLANCOS

Acordo:

Solicitarlle ao Consello da Xunta de Galicia a prórroga, ata o 14 de marzo de 2022, da autorización de asunción pola Deputación de Ourense da prestación dos servizos mínimos obrigatorios do Concello dos Blancos, conferida por acordo do Consello de 1 de febreiro de 2020.

APROBACIÓN INICIAL DAS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA BENOURENSE INFANCIA, PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS A PUNTOS DE ATENCIÓN Á PRIMEIRA INFANCIA PARA 2020

Acordo:

Aprobar inicialmente o Programa de cooperación Benourense Infancia, para a concesión de subvencións a puntos de atención á primeira infancia para 2020. Constitúe o obxecto destas bases a regulación da convocatoria pública, por parte da Deputación Provincial de Ourense, para a tramitación e concesión de subvencións do Programa “BenOurense Infancia” en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ás corporacións locais para o mantemento dos “Puntos de Atención a Primeira Infancia (PAI)”.

Enténdese como PAI aqueles establecementos de carácter diúrno e titularidade municipal, situados en concellos de menos de 5.000 habitantes e encadrados nos servizos sociais especializados dos concellos, que teñen por finalidade prestar apoio aos pais, nais, titores/as e gardadores/as dos nenos e nenas entre 3 meses e 3 anos e que se encontran regulados polo Decreto 329/2005, do 28 de xullo. Exceptúanse aqueles servizos xestionados polo Consorcio Galego de Benestar da Xunta de Galicia ou entidade que poida substituíla. A través deste programa a Deputación subvencionará gastos de persoal, gastos de mantemento dos centros e demais gastos inherentes ós servizos prestados dentro do PAI.

Para as subvencións concedidas nesta acción resérvase crédito na aplicación 2311/46201 do orzamento xeral da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2020 por importe de 125.000,00 euros.

Poderán obter subvención os concellos de menos de 5.000 habitantes da provincia de Ourense, que teñan PAIs de titularidade municipal e que non estean xestionados polo Consorcio Galego de Benestar da Xunta de Galicia ou entidade que a substitúa.

APROBACIÓN INICIAL DAS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA BENOURENSE INFANCIA – SERVIZOS COMPLEMENTARIOS, PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS AOS SERVIZOS COMPLEMENTARIOS Á INFANCIA PARA 2020

Acordo:

Aprobar inicialmente o Programa de cooperación Benourense Infancia Servizos Complementarios, para a concesión de subvencións aos servizos complementarios á infancia para o exercicio 2020. Constitúe o obxecto destas bases a regulación da convocatoria pública, por parte da Deputación Provincial de Ourense, para a tramitación e concesión de subvencións do Programa “BenOurense Infancia- Servizos Complementarios” en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ás corporacións locais para o mantemento dos “Servizos Complementarios á infancia”.

Enténdese como servizo complementario de atención á infancia, aqueles servizos de titularidade municipal, que por xestión directa ou indirecta e en xornada diúrna, desenvolven funcións de atención e coidado fóra da xornada ordinaria dos centros escolares para nenos e nenas entre 3 e 12 anos actuando como soporte e apoio as familias e contribuíndo á conciliación da vida laboral e familiar. A través deste programa a Deputación subvencionará gastos de persoal, gasto de mantemento dos centros e demais gastos inherentes aos servizos prestados dentro do servizo complementario.

Para as subvencións concedidas nesta acción, resérvase crédito na aplicación 23111/46201 do orzamento xeral da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2020, por importe de 125.000,00 euros.

APROBACIÓN INICIAL DAS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE COOPERACIÓN ECONÓMICA COAS ENTIDADES LOCAIS PARA O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR BÁSICO BENOURENSE 2020

Acordo:

Aprobar inicialmente o Programa de cooperación económica coas entidades locais para o servizo de axuda no fogar básico 2020. O Programa BenOurense SAF básico regula a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva destinadas ás entidades locais da provincia de Ourense de menos de 20.000 habitantes que presten o servizo de atención no fogar básico (SAF básico). Inclúense tamén as mancomunidades intermunicipais que xestionen servizos sociais dun conxunto de municipios con menos de 20.000 habitantes, ao tratarse de meras entidades instrumentais dos concellos que exercen competencias delegadas por aqueles.

Considerarase SAF básico para os efectos deste programa, aquel cuxas persoas usuarias accedan ao servizo en réxime de libre concorrencia. Considerarase tamén como persoas usuarias en réxime de libre concorrencia ás persoas que teñan recoñecido o estatuto de persoas dependentes no marco da lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e de atención ás persoas en situación de dependencia, en tanto o seu programa de atención individualizada (PIA) non teña efectividade ou o devandito programa non contemple ou non poida dar cobertura ao número de horas de atención domicilia que, a criterio dos servizos sociais municipais, sexa necesario para a persoa usuaria, podendo xustificarse a cargo desta subvención aquelas horas que sexan cubertas a través do sistema de libre concorrencia ás devanditas persoas beneficiarias. O orzamento total dispoñible para estas axudas ascende aos 900.489 euros.

NOMEAMENTO DE ALFREDO CONDE CID COMO FILLO PREDILECTO DA PROVINCIA DE OURENSE

Acordo:

Outorgarlle o título honorífico de fillo predilecto da provincia de Ourense ao insigne escritor ourensán don Alfredo Conde Cid, como recoñecemento do noso pobo a un destacado veciño, cuxa frutífera traxectoria literaria e vital o sitúa como un dos escritores máis insignes que deu o noso país.

O expediente de honra, do que foi instrutor o deputado provincial César Fernández, recolle:

Alfredo Conde naceu en Allariz a principios de xaneiro de 1945 no seo dunha familia acomodada que mostraba un gran interese, tanto pola cultura, como polo amor á terra. Do seu pai, Cesar, galeguista recoñecido, recibiu unha profunda influencia en todo aquelo que tiña que ver co noso idioma e coa nosa identidade.

Alfredo estudou na escola superior de náutica na Coruña e na universidade de Santiago de Compostela. Ao longo da súa vida traballou na mariña mercante e como profesor en varios colexios. Exerceu tamén nalgún intre como libreiro e debuxante, sendo no ámbito literario onde máis ten destacado e o que o leva a ser un dos autores de maior proxección internacional das letras galegas contemporáneas. Neste ámbito ten cultivado a novela, o relato e a poesía, polo que se lle considera un dos máis importantes expoñentes do renacemento en literatura galega producido ca restauración democrática.

Na súa faceta de novelista podemos destacar varias obras como son: “Momentos de vivos”, “Breixo”, “Memorias de Noa”, “Xa vai o grifón no vento”, “ O contubernio”, “Sempre me matan”, “ Azul cobalto”, “Memorias inciertas del hombre lobo” ou “Hueso de santo”, das cales moitas foron traducidas a varios idiomas.

Por toda esta destacada obra literaria ten acadado varios premios e distincións, como por exemplo os Premios da Crítica Literaria Española e de Galicia (1981), Premio Banco Amor (1984), o Premio Nacional de Literatura (1986), o Premio Nadal (1991). Tamén lle concederon a distinción de Doutor en Letras pola Latrube Univertity of Melbourne (Australia), o Premio Internazionale Civilta delle Minorancia, a distinción de Cabaleiro da Orden das Artes e das Letras de Francia ou tamén o Gran Cordón da Orden do Mérito, concedido polo Goberno de Caracas (Venezuela).

Destaca polo súa labor como articulista e colaborador en medios de comunicación como: El Pais, Diario 16, ABC, Le Monde, La Voz de Galicia ou O Correo Galego. Polos que recibiu os premios nacionais de periodismo “Fernández La Torre” e “Julio Camba”.

Por motivo da súa influencia familiar recibida na súa infancia, involucrouse en moitos movementos sociais de ámbito galeguista, sendo fundador do “Grupo Voces Ceibes”, que aglutinou aos autores da Nova Canción Galega. Foi tamén membro fundador da Asociación de Escritores en Lingua Galega, socio do Club de Periodistas Galegos en Madrid, e foi o primeiro presidente do PEN Club de Galicia. A súa inquietude lévao a formar parte de diferentes organizacións, confrarías e ordes, e mesmo durante uns anos, a exercer como político, sendo deputado no Parlamento de Galicia en dúas lexislaturas e conselleiro de Cultura no goberno de Galicia, presidido por Fernando González Laxe.

PLAN DE NATALIDADE

Acordo:

Convocar a comisión informativa do Reto Demográfico para estudar entre todos os partidos políticos a posibilidade de mellorar o Plan de Natalidade vixente. Unha comisión que avaliará todos os indicadores sociodemográficos e escoitará e invitará a esta comisión a calquera axente implicado ou experto neste tema. Tódolos partidos políticos plantexarán as súas propostas e inquedanzas que serán analizadas e debatidas.

PLAN DE TRANSPORTE DA XUNTA DE GALICIA

Acordo:

– Instar á Xunta de Galicia a que afronte os problemas do transporte interurbano e que dialogue tanto coas empresas como cos concellos, para así corrixir as eivas de frecuencias, horarios e prazas, así como o resto de disfuncións detectadas.

– Instar á Xunta de Galicia a habilitar unha mesa de diálogo entre Xunta, Deputación de Ourense e concellos para posibilitar a existencia de microbuses que vertebren os concellos.

– Instar á Xunta de Galicia a ampliar de xeito inmediato a gratuidade do transporte aos menores de 21 anos da provincia de Ourense.

– Instar á Xunta de Galicia a habilitar información nas paradas e estacións de buses, e introducir no novo portal web información a respecto dos descontos.