Antollo e o xurelo guisado [relato]

Antón Jardón

Artigo : “Antollo e o xurelo guisado [relato]”

———————————————————————————————————-

AVANTAR ACTIVIDADES

Curriculum Antón Jardón

«Desconcertado polo golpe, o porco berra de dor e, asustado, afástase para ir refuxiarse na escuridade da estancia.» (Un lume azul, Pedro Feijoo).

Foi a súa propia nai a que lle puxo o alcume de Antollo. Dende entón nin os da xente nin os de fóra lle chaman polo seu nome auténtico. O de Antonio é para os documentos oficiais. A señora Remedios deulle en chamar así, Antollo, ao constatar que era imposíbel arrincarlle dos miolos –e das papilas gustativas− esa manía enfermiza e teimuda que tanto o enfurece cando tarda en ver cumpridos os seus caprichosos, ás veces estrambóticos e sempre incomprensíbeis. Mira como é o fulano que, durante a longa noite do confinamento, non facía outra cousa que non fose atormentar á coitada da nai, esixíndolle experimentos culinarios de larpeiradas que atopaba en internet.

E, o mamón aínda segue. Sen ir máis lonxe, hai cousa dunha semana, xa imbuídos nesta anormal normalidade, encaprichouse dunha receita de xurelos guisados e púxose a teimar coa señora Remedios, ata obrigala a  cumprirlle o antollo.

−Se queres que chos cociñe, vai mercar os xurelos. Eu non vou aínda que me arrastren!

Ao ver que a nai non daba o brazo a torcer arrincou cara a peixería. Ao chegar sorprendeuse non tanto por ver cinco clientes na cola, senón por avistar un único xurelo no mostrador. Entón veulle á cachola a ocorrencia do preguiceiro.

−Bo día! –exclamou o fulano, camiñando apurado por diante do mostrador.

−Moi boas, cabaleiro –terzou a peixeira.

−Desculpe, señora. Mais o saúdo non era para vostede, era para ese xurelo que, despois de cruzarnos a mirada toda a semana, xa temos algo de confianza.

Tres fóronse esfumando discretamente e as outras dúas mulleres da cola, cada vez que miraban cara o xurelo puñan cara de noxo. Visto o visto non tardou en tocarlle a quenda ao Antollo.

−Póñame ese xurelo que ao parecer non quere ninguén.

−Téñolle outro máis frescos na cámara. Agora mesmo lle traio.

−Moi amábel, moitas grazas!

O Antollo marchou contento como un cuco. Ao chegar á casa contoulle á nai o que lle acontecera. Ela colleu o xurelo, miroulle os ollos e as branquias e, despois de cheiralo, puxo unha cara de repugnancia que aínda lle dura arestora.

−Pois podes estar alegre, ho! Botáronche ao lombo un xurelo a piques de criar vareixas, e nin sequera o notaches malia non levar albarda.

−Que albarda nin que albarda?!

−Pois a que lle poñen no carrelo aos burros para que a carga lle sexa máis levadeira. Lapón, que es un lapón!

[O meu tío Lisardo sente unha mágoa inmensa polos pillabáns que van pola vida de listos, pretendendo amolar aos demais. Máis pronto que tarde acaban cos fociños escaldados].

———————————————————————————————————-

Outros Artigos de Antón Jardón :

” O can vello, o amo e o patrón [relato] “

” Incontinencias dun petulante na fase 1 [relato] “

” O corvo e o alcalde [relato] “

” A pandemia dos estorniños berrecallos [relato] “

” Unha muller confinada no supermercado “

“O cadeliño zuro e o visitante impertinente”

“Mentres tanto”

” 5 de abril, Domingo de Ramos “

” Galicia, esa esquina do mapa “

” Un País que se disipa sen remedio “