O BADAL xa é millonario: 1651910 visitas a páxinas

Lido así, poderiamos pensar en que nos tocou a lotaría ou a quiniela, pero non, resulta algo moito máis atractivo para unha experiencia de comunicación como é a nosa: en 11 meses O Badal xa chegou a 1651910 de entradas na súa páxina web. Foron meses de moi duro traballo marcados por acontecementos tristes provocados pola COVID19 que, por desgraza, padece toda a humanidade e nos que a comunicación tivo que xogar un rol moi importante como vehículo de información das comarcas do Carballiño e do Ribeiro: un gran esforzo que agora vemos recompensado.

DATOS AUDITADOS POR GOOGLE ANALYTICS

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste mundo no que as cifras mandan a cotío, onde o número reflicte o bo e o malo, chegar a ese máxico número dende un modesto medio é, dende logo, unha satisfacción para todos os que participamos deste novidoso proxecto no que, dende o primeiro día, intentamos combinar a palabra escrita coa oral engadindo a sempre impagable compañía da imaxe.

Chegar a un millón de visitantes, quere dicir que temos incondicionais que no día a día seguen dende calquera punto do planeta as nosas novas, as entrevistas, as colaboracións, os debates e calquera outro xeito de expresión. Saber isto resulta, cando menos, moi gratificante e estimulante para quen ten que afrontar tódolos días o sempre complexo mundo da información.

Sentímonos ben pagados ao coñecer que neses milleiros de recunchos do mundo os nosos veciños espallados polos mesmos comprenderon a nosa mensaxe de proximidade, de achega á nosa realidade diaria local, comarcal e provincial e, de paso, que entendesen que nós tamén recollemos unha parte das súas existencias e vivencias aló onde se atopan, que queremos ver e saber que están lonxe pero moi cerquiña de nós.

Grazas pola confianza amosada, polo apoio diario constatado e por ese millón de accesos á nosa web. Desexamos seguir nesta liña aberta de pluralidade, de liberdade, de variedade temática e que os nosos seguidores, como ata agora, sigan apostando polo noso medio que é o seu.

A tod@s, un millón de grazas.