Sedutores pero tamén enganosas cores, luces, cánticos, revestindo ás, cada vez máis globais, festas do  Nadal. E arredor delas confluír de xente e a oportunidade do ocio e do negocio.  Actividades entre  as que sucumben saberes tradicionais, os que se van esquecendo e sepultando na desmemoria. Orixinalidade tradicional que nin sequera se actualizou con novas músicas, cando ben puideran. Pola contra entrando no círculo da autodestrucción, da aculturación, da perda ou da esperpentización. E como na cultura do occidente atlántico estas tradicións están tan marcadas pola cristiandade, isto, hoxe, parece non axudar, pese á súa mensaxe inxenua de luz, paz, humildade, entre estrelas, anxos, magos, pastores e un Nacemento . Cousas así non  deberan prescribir. Velaí pois como o bonachón e esfarrapado “Apalpador”  montesío do Courel  vai buscando sitio, músicas e máis tradición entre  Papa Noel, Santa Claus, San Brais, Olentzero ou Mary Poppins… Aínda quenunca tanta e tan fantasiosa maxia como a dos Magos, ademais en terra deles. E todos compartindo no seu saco algo común:  fartura de herdos máxicos celtas, orientais.

Reis Magos de Felipe Senén

 Ao respecto de profundar en aspectos da cultura galega, sempre recomendo ter a man os artigos de sensibilización de Filgueira Valverde, boa parte deles acollidos nos nove tomos da colección  “Adral”, editados no “Castro” alá polos anos oitenta. Como tamén as “Comunicacións” divulgativas, os artigos feitos pra radio e pra prensa por Seoane. Textos que buscan sensibilizar, normalizar e re-crear sobre unha ética e unha estética galega como aporte noso á universalidade. 

Belén de Dacón

E nesas lamentase o polígrafo Filgueira de que mesmo a antropoloxía galega non caletreou aínda  o que debera sobre canto de tradicións se acochan tras o Nadal Galego: os xeitos de celebración  na casa que é a célula da tribo, entre os que están pero tamén coa ansia de traer, ao menos á memoria e á mesa comunal, aos que se foron pero que se esperan en espírito. Encontro  dos presentes cos ausentes  na despedida e na entrada dun novo tempo. Misa do Galo por medio, na parroquia de vivos e mortos, coa lembranza a ese totem céltico, ave de crista roxa, o galo,  que alí onde estea se empoleira pra anunciar tanto a alborada como o vésperus: velaí a celebración do misterio da luz e da escuridade, da vida e da morte.

Hoxe as novas tecnoloxías préstanse pra espallar a festa en calquera sitio e a calquera hora, impoñendo estéticas retrouseiras, uniformizadoras, arrasadoras  da creatividade individual e colectiva dos pobos.

Pois velaí entre luces, cores e tantos retrousos o  de  “Beben y beben y vuelven a beber…” ou o de “ Campana sobre campana y sobre campana…”  , o “Chiquirritin…” e tamborileiros de por aquí e por alá a darlle ao mesmo mantra das “Marimorenas” e “Arre burro arre”…. entre a “Noite de Paz”, a “Branca Navidade” , os “Merry Chrismas” en tantas versións, Habendo tanto entre o que pescudar e escoller no noso idioma e na cultura galega.

Tempo do Nadal que inspira a grandes músicos de todos os tempos , incluso no Pop e no Rock, a compor sons e letras para arrolar aos cativos, nanas. E así compuxeron vilancicos  os Beatles , John Lenon, Elvis, Dylan, Sinatra,  Killers, Pausini… E xa non digamos os músicos irlandeses, dende Enya ao mesmo U2,  xa que estes temas e músicas de celebrar un nacemento, á vida –  como “celtas” de rolda, practicantes  que son – xa os levan no adn, entre incenso e cervexa.

E como noutros confíns “celtas” tamén Galiza como vello reino cristián,  tivo e repartiu pola rosa dos ventos un amplo repertorio de Cancións de Nadal, Aninovo e Reis, diferenciando vilancetes de panxoliñas. Mesmo repartiu pola meseta ibérica adiante estes saberes, levadas por maragatos, arrieiros e moitos deles das terras do Carballiño…: no século XVII, estuda e di Filgueira que se  cantaba que o neno Xesús e a Virxe María eran “galeguiños”  e mesmo de Compostela. Quizais en alusión a un país afastado, no cabo das estrelas, tamén á pobreza do reino esquecido, onde magos e meigas, mulleres e homes labregos e pastores teñen sitio. Sen faltar predicadores, máis papistas que o Papa, que non entendendo a licenza metafórica pra censurar tais orixes da Sagrada Familia.

Filgueira matizaba entre os tipos de cantos de Nadal, por exemplo di que as panxoliña derivan do “pange lingua” isto é un canto de culto eucarístico,  propio pra liturxias “divinas” como as de Venres Santo  ou as do Corpus. Composicións con algo de celestial, como feitas e interpretadas por anxos. Termo que logo se fai popular deica mesturarse coas cancións dos viláns, do vulgo, isto é os vilancetes. Letras e músicas estas onde o creador popular introduce o que cree, entre improvisados instrumentos sumados á gaita e ao pandeiro. Temas raianos coas Cantigas de Escarnio e Maldizer medievais, con tantos substratos de orixe,  cargados de certa rexouba e retranqueo, mesmo regueifeiro e cun fin de entretemento nunha cultura de rolda, de lareira e eira, a que nada ten que ver coa do sofá e plasma de hoxe.

Nunca é tarde para estas pescudas de recolleitas de letras, músicas e instrumentos, as que como outras que se refiren á cultura galega, non hai que circunscribirse unicamente ás catro provincias, senón ao que foi aquel reino: Sanabria, o Bierzo, a Maragatería, León.., o Minho e Tras Os Montes ata Coimbra… así  irase reconstruíndo o crebacabezas e entendendo outras cuestións antropolóxicas e históricas. Arrieiros e maragatos recorrían a península levando e traendo produtos, contando e cantando entre tantas horas, rodar, tintinear de axóuxeresao trepar dos facos e golpes de fusta.

Vicente Risco, alma mater de “Nós” non deixou de man a tradición dos vilancicos, sendo creador de letras nas que non falta o seu ánimo como sofista simbolista . Letras musicadas por Halffter e Muñoz Molleda . Tomen nota, cantos de Nadal onde se fala de anxos con ás de vidro, a xogar coa luz das estrelas celestiais, sobre o caos terreal de lobos ou gatos da noite…

Na mesma Revista “Nós” insisten no teatro, na música e no ballet – o que vencella a ambos – como un xeito eficaz pra concienciar arredor de Galiza. Asocian  ao seu saber tan elaborado as teorías populares e tradicionais das corais galegas, as que nutrían as “Irmandades da Fala”.  Non faltan os debates sobre a música, páxinas nas que entra a figura controvertida de  Xesús Bal  i Gai , anotando virtudes herdadas como vicios da aculturación. Musicólogo inspirador do desaparecido Ballet Galego Rei de Viana, tomando aportes dos ballets rusos. Bal non deixa de publicar en Nós a partitura dalgún vilancico galego, como “Epifanía”  (1932) musicado para piano e con letra de Amado Carballo.

Endexamis sobra cantar á Paz, á Maxia, á Ilusión…

Os temas do Nadal  a musicar non faltan nun país agrario, pastoril, de gaita e pandeiro, instrumentos que xa levan dentro de si as nostalxias celtas. Esas mesmas saudades que expresa o “Artistiña” Arturo Baltar no “Belén de Ourense”” (capeliña de San Cosme). Ambiente arredor de magos, meigas e fadas, de xentes de camiño e traballo… xente  inspiradora de letras e músicas. Nesas relacións culturais lembro o poema  desoutro exquisito “inadaptado” , amigo do irlandés Yeats, T. S Eliot “ A viaxe dos Magos”. Por favor, búsqueno e léano, amodo…e se pode ser acompañados duns groliños de aguardente vella e os sons de “eses teus ollos” de Chane . Poema que expresa esa ansia metafórica de que o tema da Epifanía, a adoración dos Magos,  a que tanto se representan neste confín do mundo, está en relación cos peregrinos, os que se dirixen cara unha tumba dun apóstolo, tamén guiados polas estrelas: Occidente: a tumba, os peregrinos/ Oriente: os Magos,  o berce. Pois velaí o eterno lazo entre a Vida e a Morte. Cultura con trasfondo.

Filgueira teimou en buscar, recoller, interpretar e anovar cancións galegas de Nadal, mesmo con músicas de hoxe e niso coincidían grandes da cultura galega de entón, os que algo tiñan feito, aquí e en Portugal: Álvarez Blázquez, Xocas, Fraguas, o Padre Calo… enlazando as antigas tradicións trobeiras do medievo coas de hoxe. Tradicións ben  acaídas a un país que tanto ergue ao ceo cruceiros como tras deles pon a  Nai- Piedade : ascese Terra-Ceo, Morte-Vida…

Se facemos reconto de cancións de Nadal galegas veremos  que non faltaron nas corais galegas. Entre outros lembramos os “Cantos ao Neno de Fuxan os Ventos”, mesmo de Juan Pardo que non deixa de ser gandísimo músico, e máis aínda “o  Nadal” de Suso  Vaamonde, con letras de Dora e Pura Vázquez, de Bouza Brey, de Celso Emilio… tradición que quedou moi prendida en Mini  e Mero e dende “A Quenlla “ seguilos a cantalos;  Tamén “Berrogueto”  ofrece “Cantigas de Nadal”, como Carlos Nuñez, “Leilia”, “Sondeseu”, Mercedes Peón… entre tantos que ben sabe da internacionalidade do asunto.

Cantares galegos do Nadal en tempos nacionalcatolicistas do meu Carballiño

Vilancicos galegos nos que latexa un sentimento comunal, respectuosamente igualitario, como unha aldea feliz, entre a Virxe, San Xosé, os magos e os pastores. Mesmo Filgueira observa que nas abundantes representacións dos Magos nesta Galiza de magos e meigas, estes non se axeonllan ante a Nai de Deus. E todos se tratan de tu.

Naquelas escolas aínda sendo da ditadura aprendiamos a cantar o:“Si souberán os meus amiguiños/O que nceu en Belén…/Eravos un meniño/Tan pequeniño/Como un carrabouxiño”…/ Ou aqueloutro: “Sei Cantare sei bailare/Sei tocala pandeireta/O meniño que hoxe nace,/O meniño que hoxe nace/Leve música completa/Ai lalalala lala…ai la….

 E mesmo aquela cantiga vella e retranqueira, de arrieiro: “A cabra era boa/ tiña boas canelas/

 E o que máis valían/ eran tres cadelas….”

No Grupo Escolar  do Carballiño de inicios dos sesenta os rapaces aprendían e espallaban este vilancete “caseiro”,  pero, ao menos de certa igualdade: “ A Virxe María lavaba / o San Xosé Tendía/ e o neno choraba/co frío que facía/ Non chores meu neno/ non chores meu sole/ que estes son traballos/ que nos manda Diose…”/

Sabemos que nos tempos da Sección Feminina, tan de formación falanxista, entre cantos de rigor e de fervor patriótico español, potenciábase o folclore, as danzas e as cancións, tradicionais sen faltar os vilancicos…e daquelas escolas do réxime mesmo saíron directores de agrupacións de coros e danzas. Todo dependía dos profesores, que mesmo e polo baixo se burlaban da ditadura e dos ditadores. O asunto merece tratalo e non tropezar nas mesmas pedras.

Servidor que lle tocou vivir boa parte do nacionacatolicismo, sendo educado en colexios con sintomáticos nomes como “Isabel la Católica” ou “Calvo Sotelo” e en Institutos oficiais, ten que dicir que sufriu aquelo  de negar o idioma galego como “de brutos da aldea” , mentres que noutros,  quizais máis do Estado , non so permitilo, se non promocionalo en revistas de nome enxebre como “Hórreo, o  da residencia estudantil  “Calvo Sotelo “ de Ourense. Onde ademais se nos ensinaba a cantar, obrigatoriamente vilancicos en castelán e galego, logo a escoller en eusquera e catalán …e escollemos en eusquera:  “Hator, hator, mutil, etxera,/gaztainak ximelak jatera,/ gabon gaua, ospatutzeko,/ aitaren ta amaren ondoan… ”. E mesmo no Nadal do 67 fomos a TVE ao programa de “Galas del sábado” a competir e cantar vilancicos  nos tres idiomas… No ánimo dos gobernos da ditadura estaba en confinar perimetralmente, en coutar, en anestesiar e fosilizar as culturas e con elas os  idiomas, as tradicións galegas a un folclore máxico, exótico, colorista… non resultou así. Convén contalo.

Os símbolos, a Arte, as palabras pra relacionarnos, non son culpables, o peor está en convertelas en ideoloxía de asoballamento e desigualdade.

No lusco fusco do día 5 de xaneiro, véspera da celebración dos Magos nenos e nenas, con cunchas e pandeiros ían de porta en porta cantando os Reis: “Cantámoslle os Reis do Kikiriki, e non nos dan nada ímonos de aquí..” E así con esas lembranzas, entre o “…. beben y ben y vuelven a beber…”  Resistimos.

Por Felipe-Senén

——————————————————————————————————–

Traxectoria e obras de Felipe Senén

———————————————————————————————————-

Outros artigos de Felipe Senén:

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño