A Aula GaliciaAberta, que se puxo en marcha o pasado 27 de abril para reforzar a formación de disciplinas tradicionais galegas para a colectividade galega no exterior, concluíu en 2020 sumando máis de 405.000 visualizacións dende o seu inicio.    

Unha cifra que fala do éxito da iniciativa, que contou con sesións formativas impartidas polos mestres de canto e pandeireta (Leni Pérez), percusión (Alexandre Martínez Castro), gaita (Jhonathan Ferreira) e baile (José Antonio Viñas), e que supuxeron máis de 337.000 seguidores, á que se sumaron posteriormente unha sección infantil de contacontos (a cargo de Enrique Mauricio e Carlos Taboada de Polo Correo do Vento, que sumou máis de 28.000 visualizacións no programa de verán e case 11.500 no de Nadal) e un obradoiro de cociña a cargo do chef André Arzúa (con 22.000 visualizacións).

As clases, gratuítas e de libre acceso para todos os públicos, contaron tamén con titorías e vídeos promocionais dos docentes, que foron vistos por milleiros de galegos e galegas residentes en todo o mundo. Ás reproducións dos vídeos hai que engadirlle, ademais, ás visitas ao apartado da Aula GaliciaAberta, creado na páxina web do departamento autonómico e que rexistrou máis de 70.000 visitas.

A Arxentina, Brasil, O Uruguai,  México, Suíza, Alemaña, Venezuela, Portugal, os Estados Unidos de América, Chile e o Reino Unido foron os países de residencia da meirande parte das espectadoras e espectadores dos seminarios, unicamente superados por España, onde destaca a resposta obtida entre os galegos de Madrid, Cataluña, o País Vasco, Castela e León e a Comunidade Valenciana, ademais de na propia comunidade autónoma.

Facebook foi a plataforma preferida polos espectadores para asistir ás clases, sumando máis de 378.000 reproducións e preto de 50.000 interaccións, seguido do canle de GaliciaAberta en YouTube, onde se colgaban as sesións unha vez rematadas para poñelas a disposición de todas as persoas interesadas na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (emigración.xunta.gal).

Este novo programa da Secretaría Xeral da Emigración permitiu complementar os obradoiros tradicionais, que achegaban aos centros galegos de todo o mundo un profesor desprazado desde Galicia, e que a causa da pandemia da covid-19 tivo que ser substituído por esta formación on-line.

Para paliar esta necesidade, o departamento autonómico artellou medidas como esta Aula GaliciaAberta que teñen permitido seguir en contacto coa colectividade en todo o mundo transmitindo a cultura galega.