7 de febreiro: Día dos Medios en Galego.

Aproveitando esta data facemos pública a nota que nos pasa a Asociación de Medios en Galego :

Publicidade

Como sabedes, dende o 2018, gracias á aprobación, por unanimidade, no Parlamento Galego, o 7 de febreiro celebramos o Día dos Medios en Galego. Unha data que nos serve de fío condutor para unha entidade á que, como podedes imaxinar, non lle podemos dedicar todo o tempo que nos gustaría cada un dos 35 medios que a día de hoxe formamos parte dela.

Neste singular 2021, tiñamos pensado celebralo este 6 de febreiro, pero pola situación sanitaria decidimos adialo para o 20 de marzo. Despois de facer sendos eventos culturais estes pasados anos en Fene, Pontevedra e Carballo, a idea para este 2021 é a dun evento en formato televisión, en clave de #LateNight, presentado por Fede Rey Pérez, e que será retransmitido polas canles da AMEGA de Youtube e Facebook, e seguramente tamén polas Radios Municipais e algunha canle de TV.

Mentres, queremos dar visibilidade a todos os que comunicamos en galego. E quedamos ilusionadísimos ao ver que cada día somos máis. Se o ano pasado xuntáramos máis de 100 medios en galego, este ano xa atopamos arredor dos 140 (https://mediosengalego.gal/100-medios-en-galego/) e iso que nos queda pendente facer unha colleita de “Novos Espazos”, como podcasts ou canles de youtube.