24 de febreiro: Día de Rosalía de Castro

Para Galicia Rosalía de Castro é algo máis ca unha escritora. Xeración tras xeración, a súa figura é un referente que está por riba de ideas e xeografías. Para os galegos e galegas ningunha outra figura literaria ou cultural ou política ou o que for os une tanto arredor do sentimento de pertenza a unha terra. Ela xerou innumerables páxinas, imaxes, cancións… Sen dúbida, una das máis representativas visións da nosa autora foi a dada por Curros en célebre poema: “Do mar pola orela / mireina pasar / na frente unha estrela / no bico un cantar”

Publicidade
Foto da Fundación Rosalía de Castro

O día 24 de febreiro són moitos os Centros Escolares, Concellos, Bibliotecas etc que celebran o día de Rosalía

Que Galicia teña como “pai da patria” unha muller xa é ben significativo da orixinalidade do proceso iniciado no Rexurdimento. No fondo, son a súa rebeldía e ese estar sempre á beira dos humildes as ideas xerais que manexa o pobo galego cando escolle Rosalía de Castro para darlle nome a unha escola, a unha rúa, a un grupo folclórico, a unha sociedade de emigrantes, a unha publicación… Que Rosalía seguirá sendo bandeira de Galicia, non merece ningunha dúbida. A súa imaxe está destinada a acompañar e iluminar para sempre, cos perfís que foren pero coa luz daquela estrela, o proxecto que ela mesma axudou decisivamente a pór en marcha: o da dignidade e o da liberdade. Texto da Fundación Rosalía de Castro