Xulio Dobarro Ferradás.  Profesor xubilado e veciño do Irixo


     INTROITO

Amable lector/-a: Coa xentil colaboración deste medio “Badal novas”, que me dá a oportunidade de chegar a Vostede, a onde queira que se atope, propóñome facer un sinxelo percorrido polas terras do Irixo, Parroquia por Parroquia,coa maior humildade e antepoñendo as desculpas por todas aquelas lagoas ou erros nos que poida incorrer.

No mes de decembro presentouse un libro na casa consistorial do Irixo, titulado, O Irixo.Patrimonio cultural[10],do que son autor, e do que deu cumprida información este mesmo medio de comunicación en diferentes formatos audiovisuais. Con tal motivo iniciamos a colaboración entre nós, do que dan fe as achegas anteriores á presente e, polo que se ve nas visitas realizadas a esas entregas, parece que teñan espertado certa curiosidade entre os lectores.

É por isto que as colaboracións que poidan aparecer en vindeiras xornadas, van ser, en certo modo, unha reelaboración dalgúns dos motivos que figuran no libro, pero que por limitacións físicas, ou ben non se incluíron ou non están o suficientemente transparentes. Por outro lado, e sen esquecer o soporte en papel, os medios dixitais nos variados soportes das redes sociais, estannos a ofrecer unhas posibilidades descoñecidas ata agora para chegar ata lugares moi afastados onde -quen sabe?- pode haber algunha persoa con raíces por estes lares, que con só escribir a palabra O Irixo se translade á terra dos seus ancestros ou lle valla de reforzo da súa identidade.

A PARROQUIA DO CAMPO.O PASADO

Esta primeira entrega que ten como protagonista a parroquia do Campo, non é por ningunha outra razón máis que de orde alfabética. Non vaia ser que algúen pense que é porque a consideremos a máis irixense ou porque dentro da súa demarcación se atope a casa do Concello no lugar da Ponte.Ademais, e para que non haxa lugar a dúbidas, debe quedar moi claro que As Laxas non pertence a esta parroquia, a pesar de que os organismos oficiais se empeñen en contablizar o vecendario das Laxas como unha entidade única de poboación xunto coa Ponte, baixo a denominación O Irixo.Desde ben antigo, e temos unha boa proba na ponte que comunica os dous lugares, As Laxas e A Ponte, xa quedou ben ilustrado nesa construción na que hoxe aínda se pode ver unha figura de San Pedro pola cara sur, como patrón da parroquia de Dadín, e unha virxe da Asunción pola cara norte -hoxe desaparecida- como patroa do Campo.

Hai documentos que acreditan que cando houbo algún intento por parte do bispado de segregar A Ponte, A Condomiña, Marnotes e A Ermida en 1867 da parroquia do Campo e incorporalos a Dadín e Á Cidá opuxéronse e, alegando razóns de tradicións, antepasados e incluso as enchentes do río que impedían o paso deste no inverno, as augas voltaron á súa canle e tal e como as coñecemos hoxe en día, agás no que está a practicar a “Administración”.

Corresponde a a la microfilmación realizada por el CECOMi sobre las Respuestas Generales depositadas en Simancas e individualizada por pueblos según el Catastro

As liñas que seguen non teñen pretensións historicistas nin nada semellante; só incorporaremos algunha mostra documental do que foi a transición do Antigo Réxime coas consabidas xurisdicións de Orcellón, Pazos de Arenteiro e Couto de Corneda, arredor dos cales se organizaban as parroquias e os lugares do que a principios do século XIX van ser os primeiros concellos. Así, en 1821 e sempre dentro do partido xudicial de Señorín/ O Carballiño, temos catro: Reádigos, Parada de Labiote, O Campo e Corneda; en 1822 asimílase o de Reádigos, e en 1835 créase o que se vai consolidar ata os nosos días baixo unha denominación ben curiosa: IRIJÓ, -que nunca debeu empregarse pero así consta no Boletin da provincia- e como capital tamén Irijó. A partir desa data, e con algún que outro movemento político que pretendía o cambio do lugar da casa do concello (As Campinas-1933) foise consolidando a que desde 1937 é a sé actual na Ponte, pero con abondo inestablidade en canto ao nome do lugar da capitalidade,porque ao lado da PONTE, PONTE-IRIXO, PONTE-IRIJO, tamén conviviron as solucións IRIXO DE ARRIBA, IRIXO DE ABAXO e PONTE IRIXO, tal e como aínda hoxe seguen dando mostras da pervivencia desas solucións o Nomenclátor actual:Irixo de Arriba (por Irixe), O Irixo (pola Ponte e As Laxas). Se a estas incertezas lles sumamos a cuestión normativa por deturpacións co castelán, é preciso que canto antes o novo Nomenclátor da Xunta de Galicia poña orde nun motivo o suficientemente relevante como para non esquecérmolo.De todos xeitos, tampouco se debería ignorar, aínda que está máis ou menos estendida a idea de que “O Irixo” como lugar ou espazo concreto  non existitu ou non existe, que desde ben antigo se atopan exemplos de “Ponte de Erige” (1415), “Johán do Yrigio” (1419), Irixo de Avaxo e de Arriba (1753) ou “Río de Irijo” (1779), que, polo tanto o corónimo, O Irixo,(denominación aplicada como colectivo, aínda que non existira un lugar concreto,si existían variantes que se simplificaron) non resulta especialmente estraño.

Se seguimos unha orde cronolóxica ascendente, tamén resulta interesante desde o punto de vista documental o que nos deixou o Padre Sobreira con respecto a algunhas parroquias do Irixo,en particular do Campo, sobre algunhas referencias xeográficas e da toponimia. E,como non, as descricións entre reais e fantasiosas do dicionario Madoz de 1850.

FRAGMENTO DO DICCIONARIO MADOZ (1850) sobre a parroquia do CAMPO

Transcorrido un século desde o Catastro de Ensenada ao Madoz, observamos que os nomes dos lugares foron alterados e, sobre todo, con moitas incorreccións que probablemente hai que atribuír a erros dos copistas alleos á realidade local.Que nas “Papeletas” -que seguen- responden mellor á tradición,aínda que non consten nin A Laíña nin A Reguega; como tampouco constan naquel, ademais dos anteriores, o das Campinas.

A PARROQUIA DO CAMPO SEGUNDO O PADRE SOBREIRA (1779)

PASADO RECENTE E PRESENTE

A continuación presentamos unha relación comparada dos datos de poboación da parroquia entre os anos  1887 e 2021. As cifras falan por si soas, o da España/Galicia baleirada resulta un clamor no caso do Irixo.A parroquia perde 25 habitantes entre o 2019 e 2021.

IGNE.1887/SANTA MARIA EL CAMPO 1274 2021.IGE/SANTA MARÍA DO CAMPO 465
BAJÍN 119 BAXÍN 15
CAMPINAS 61 AS CAMPINAS 8
CARDEDO 62 O CARDEDO 2
CASARES 62 CASARES 16
CONDOMIÑA 31 A CONDOMIÑA 8
ESFARRAPA 70 A ESFARRAPA[1] 70
    A ESTACIÓN[2] 14
FILGUEIRA 31 A FILGUEIRA[3] 16
HERMIDA 55 A ERMIDA 13
    O IRIXO DE ARRIBA(IRIXE)[4] 19
IRIJO 152 O IRIXO[5] 141
LAÍÑA 19 A LAÍÑA 6
LAMA  (LA) 73 A LAMA[6] 31
MARNOTES 52 MARNOTES 11
MENAZ 87 MENAZ 34
OROSA 137 OROSA 26
PUENTE-IRIJO (EL) 143 A PONTE[7]  
PUERTO DA VEIGA 30 O PORTO DA VEIGA 22
REGUENGA 16 A REGUEGA 1
TELLADO 16 O TELLADO[8] 5
VILA 58 VILA 7

[1]Eu son da opinión que debería recoñecerse unha nova entidade de poboación, O ABANICO, a pesar dasúa forma castelá, porque así está estendida entre a veciñanza.(O que vai ao ABANICO non quere dicir que vaia á Alfarrapa)

[2]Nace a partir da inauguración da estación do tren en 1958 e como unha extensión da Lama.Por iso non se cita en 1888.

[3]Segue sendo un “lugar mixto”, cuxo nome é compartido coa Filgueira de San Cosme, coa que estrema e que as une a “Filgueira do medio”.

[4]Debería introducirse a solución IRIXE,cando é así recoñecido pola veciñanza e, ademais, deixou de empregarse o de IRIXO DE ABAIXO.

[5]Erroneamente compútase na actualidade A Ponte e As Laxas conxuntamente.Como xa se ten dito O Irixo débe reservarse só para identificar o concello non os lugares de A Ponte e As Laxas.

[6]No lugar da Lama inclúese o que son a reitoral e os “diestros” da parroquia, O Campo.

[7]A PONTE é o lugar no que se atopa a casa do concello e,así, debería ser coñecida a capitalidade do mesmo. Xa vemos como se move a denominación “Puente-Irijo (El)(1887) e ao ano seguinte no Nomenclátor “Irijo”

[8]Nome común para o Tellado de San Cosme, do que o separa o río Viñao.

O Cardedo, 2021.
O Abanico, gromo do que pode ser un novo lugar.2021

De seguido incorporamos algúns microtopónimos da parroquia agrupados segundo motivacións,a maior parte deles tamén se poden recoller no Catastro de Ensenada, os que seguen corresponden ao catastro actual aínda que con abondosas lagoas, por exemplo a omisión do artigo que precede na maioría dos casos ao nome:

ORÓNIMOS:Elevación, Depresión, vertente,chairo,   Rega  de Carballiños, Nabal da Cal, Toxales do Coto, Cotarelo, Val, O Outeiro, Coto da Condomiña, Valonga, Rivada,
HIDROTOPÓNIMOS   (A AUGA)     Prados do Río, Nabás do Río, As Insuas, Lameira,A Braña, O Brexo,A Regueira, Regato do Foxo, Regueiro,A Poza, O Pío, As Pozas, Lavandeira, Lagoa, Barcias, A Grota, O Cubo, O Fontao, As Cales, Chope das Cales,Chousa do Brexo,  As Fontelas, Os Prados da Calexa, As Barciñas, Tornadoiro,Chousa do Llan,Ribela  Chousa do Río, Fontaíña, A Braña,As Presas, Chopes da Lamela, Fonte do Barro, Lamela,Insua, Chousa de Ríos,  Fonte Xubín, Gureiro,  Lavadoiros, Prados da Cal, Fonte da Uz, A Levada, Navia, Regueira,
FITOTOPÓNIMOS: plantas silvestres e domésticas,árbores, arbustos..       Xesteira, Porto Liñares, Pireiras, Xuncal,Xuncos, A s Carballas, Carballeira, Toxais do Tellado, Pereiro, Castañeira, Sabugueiros, O Souto, Nogueiras, Boipereira,O Feal, L/N/Millarellos, Os Carballos, Carballleira, Nabeira, Nabal, Pereira, Cerdeira,Nabeiras,Chousas do Mato, O Carballo, Nabeiras do Mato, O Mato,Prados do Nabal, Nabeira da Reguega, Prados Freixedo,Abeleras, O Cirdeirón, O Espiño,A Raña (carrasca), A Trigeira, Bidueiros,Os Chopos,Aciveira,  O Corgo, Val do Fento,Nabás, Val da Pereira,A Figueira, Rumeira,Carballeira, Xuncos, A Cerdeira, A Carrasqueira, Maceras, Sanguiño/ál, Río de Souto, Castiñeiros, Carabuñeira, Toucedo, Uceira, Xestas, Azafrán?,A Tragariza
ZOOTOPÓNIMOS: mamíferos, insectos, rétiles, anfibios, aves e paxaros. Trampas,tocos e goridas   Ovellón, Lagartelas, Chousa das Colmeas, Colmea de Abaixo, A Colmea/s, A Bubeliña,Teixugueiras,Raposeiras,  Albariza,  Os Miñotos, Cazapedro,  O Cabrón, Campo dos Gallos (Gaios?) Eira do Lobo   Abelleira,

NOMES DE VÍAS DE COMUNICACIÓN e situacionais

A Calzada, Corredoira, Horta do Camiño, Prados da Vía, Retorta (dobre volta no camiño), O Carril de Roque, Puntillón, A Calzada, A Ponte, Pontillón, Congostra,Sucasares, Sugallete, Sucardedo, Daquela Mao, Chousas daquil lado..Susilveira, Nabeiras do prado, Veiga de Casares, Diante a Porta, Porta Seara, Suaspozas, Tras da Eira, Riba do Rego,

Galiñeiros dos anos 1940-1960 aprox.en Marnotes (2020)

Con respecto aos lindes das parroquias, e da do Campo en particular, tal e como queda reflectido na descrición do Catastro de Ensenada (1753), case todos eles están motivados pola orografía, entendendo como  tal as elevacións, as correntes de auga, algunhas rochas ou restos de monumentos megalíticos (mámoas), pedras escritas,etc. Neste caso é o río Viñao, -na súa denominación actual- e os regatos que van desembocar a aquel os que marcan varias das estremas que delimitan a parroquia con respecto á Cidá,a Dadín e a Cusanca, así como o regato da Condomiña con respecto a Dadín e,na parte máis alta co monte de Tacarín tamén respecto de Dadín, e Pena Grande e a Mámoa Verde preto dos Amieiros de Loureiro, e, ao nordeste, por tras da Costa con respecto ao concello de Piñor.

Como será de vostede coñecido, un dos impactos máis significativos no que respecta a esta parroquia foi o da construción do ferrocarril entre os anos 1925-1958, quedando inaugurada esta liña neste último, tal e como demos conta en anteriores colaboracións.Ademais, no 2011 inaugurouse o trazado do AVE da liña entre Ourense-Santiago. Pois ben, se o trazado anterior xa tivera uns custes importantes en canto ao impacto ambiental, camiños e canles de auga, o novo non foi menor, porque ao lado da xa ampla extensión da estación vella, veuse a sumar a base de mantemento do ADIF do AVE, que entrambas veñan a ocupar unha superficie de arredor de 10 Hectáreas, que para o que é a nosa concepción das propiedades das terras foi moi significativo para os lugares de Casares, A Reguega e A Lama especialmente que, á parte de interromper as comunicacións veciñais illaron algunhas propiedades de xeito irreversible.

Con respecto aos núcleos de poboación, algúns deles están ás portas de ser clausurados pola falta de relevo xeracional, porque se manteñen con apenas algún resistente, como é o caso da Reguega, Vila, O Cardedo… e que grazas ao “Abanico” ou construcións proximas á estrada princial se pode conter o despoboamento xeralizado da parroquia.

No caso da Ponte, onde se concentra a actividade administrativa e escolar, grazas á casa do concello, o grupo escolar e a biblioteca, máis algúns outros servizos, sería moi oportuno incorporar outras prestacións de tipo económico e cultural e así evitarmos o despoboamento.A Casa coñecida popularmente como de Lagarto, da que descoñecemos os seus propietarios actuais, non sería unha mala adquisición para destinala a diferentes usos,segundo as necesidades, por exemplo, como casa de Cultura, Exposicións, museo etnográfico,etc.

En xeral, o sector servizos está sendo absorbido polas Laxas  e outros como o industrial-forestal representado polo serradoiro de Calatrón no lugar das Campinas con autorización para aproveitamento hidráulico a favor de Claudino Nogueira desde 1923 é a excepción.Tamén iniciara a construción doutra planta en fronte da estación que non debeu chegar a traballar. Nas Campinas casara Laureano Prieto, oriundo do Paraño, que foi o informante de X. Luis Franco Grande para o Diccionario Galego-Castelán de1972 da editorial Galaxia.

Todo o demais, a non ser algunha explotación gandeira -en precario- na Condomiña e O Porto da Veiga, é un ermo produtivo.

O sector servizos tivo un certo auxe entre os anos sesenta e oitenta na contorna da Lama, pola proximidade da estación e da igrexa parroquial xa que chegaron a funcionar ata tres tabernas, ademais do salón de baile.Na Lama tamén había taller de carpintería, forxa e muíño eléctrico, todos eles a carón da estrada.

Nesas dúas décadas chegou a funcionar outro salón de baile no Abanico, onde Claudino de Canchés, ademais de taberna tamén contaba con funeraria.

Os demais lugares non coñecían outra actividade que non fose a agricultura e a gandería, ademais do forestal que contribuía en situacións de emerxencia económica a sanear a maltreita economía das familias.A falta de rendibilidade deses sectores maltreitos propiciou a emigración masiva pola Península, o resto do continente e a América.O baleiro empezaba a dar sinais da decadencia demográfica absoluta.

PARROQUIA  E PATRIMONIO CULTURAL

Se entendemos o concepto de Patrimonio en sentido amplo, é dicir, material, inmaterial e natural, no que se inclúen motivos arqueoloxicos, arquitectónicos, toponimia, lendas, costumes,vexetación, paisaxe, etc., a parroquia do Campo, como  case todas as do concello, é debedora do seu pasado. Por descoñecemento e limitacións desta reportaxe só nos referiremos a algunhas mostras máis representativas do patrimonio material e natural.

Así, por exemplo, se nos atemos a unha das mostras máis antigas da orfebrería castrexa, foi no lugar do Cardedo (A Grota), preto do castro no mesmo lugar,onde se atopara a famosa arracada, actualmente depositada no museo de Pontevedra.De mámoas e minas hai mostras abondosas sobre o monte da Ponte-Irixe e Vila.

Moi cerca, no lugar de Menaz, onde se conserva un cruceiro, tamén existiu unha capela que fora consagrada polo párroco de Loureiro Francisco Marentes. A capela foi acondicionada como vivenda.

No lugar de Casares consérváse un soberbio edificio, que foi escola e se inaugurou en 1958 tal e como dá proba a placa co escudo e as frechas que figuran na lumieira da entrada. Escola á que asistimos da man de don Florentino e dona Rosa a rapazada de: Casares, A Reguega, Marnotes, Orosa, Menaz e O Cardedo. 

Na Lama, xunta á carballeira que dá sombra no campo da festa, con cadanseu cruceiro nos estremos, atópase a que pode ser a escola máis antiga (1848) de todo o concello, froito da doazón desinteresada de Francisco Ferradás Dapena, veciño de Orosa, que nas súas últimas vontades manifestou que non debía ser destinada a outro uso que non fose o escolar, tal e como consta no arquivo parroquial e como nos lembrou un dos párrocos máis duradeiros na parroquia, David Ureña, no século pasado.

Os lugares de Marnotes, A Condomiña e O Porto da Veiga teñen en común que contan con muíños ben conservados que aproveitan as augas que baixan desde o Muíño Vello,Pena Grande ou Tacarín para xuntarse ao Viñao á altura das Laxas. O Porto da Veiga tamén conta con cruceiro.

As construcións relixiosas non se reducen só á igrexa parroquial no “Campo” co seu amplo camposanto de rebuscadas formas nos motivos ornamentais. A estas hai que engadir o cruceiro e a capela da Alfarrapa, patrón do lugar, porque aquí celebrábase o dezaseis de agosto a misa e a festa correspondente segundo a tradición secular.

Ademais, A Ermida do Fondo, rende honor ao seu nome cunha ermida en moi bo estado de  conservación e cunha bóveda senlleira en granito.

A Ponte, 2020

Na Ponte, ademais da casa do Concello, un bo exemplo de arquitectura rural e do bo facer dos canteiros da contorna,inaugurada en 1937, temos outras mostras vencelladas á “fidalguía” local na casa (1880), popularmente coñecida como de Dª Manuela que, ademais de conservar a data de inauguración, mantén o rótulo que informa do primeiro lugar a onde chegou o teléfono, ademais do pombal e o hórreo próximos. A casa de  Luisa  de “Lagarto” (falecida) tamén presenta unha feitura ben xeitosa que, como xa comentamos noutra entrega, fora onde xantaran os do Grupo Nós cando o día 9 de xullo de 1926 realizaban a andaina a Compostela con motivo do ano santo.

Na década dos sesenta do século pasado construiuse unha capela na honra da virxe de Fátima, sobre uns terreos doados por un emigrante en Arxentina, á que se incorporaría un péto de Ánimas en madeira que puidera ser o que fan referencia en 1926 os do “Camiño Nós” ao seu paso pola Ponte.

 Segundo nos informa V. Risco, por aquí extraíase moi bo barro, e elaborábase unha cerámica de vivas cores, particular sobre o que non podemos dar probas. Se alguén puidera dálas que non dubide en facelo público, porque estariamos falando dunha tradición ata hoxe descoñecida.

As pontes sobre o río Viñao, tanto a da Ponte como a das Campinas son medievais e foron frecuentadas historicamente como paso de arrieiros e camiñantes de cara ás terras de Deza e Santiago.Moi preto delas están os muíños da Ponteferreira e da Veiga de Baixo entre a Ponte e O Abanico.No monte, por enriba de Vila, hai un muíño restaurado e ben conservado, o de Ríos.

PATRIMONIO NATURAL

Non sería nada arriscado afirmar que na actualidade o que podemos entender por patrimonio natural desfruta do seu mellor momento, porque a natureza preséntase case de xeito espontáneo, non ten o que puideramos considerar inimigos -naturais-: as persoas e os animais.Dicimos isto porque onde antes medraba a vexetación de xeito  controlado polas persoas para uso doméstico (toxo, carqueixa, carrasco, codeso,etc.),e castigada polos animais para a alimentación, agora medra sen ningún outro inconveniente que non sexan os incendios. Isto polo que respecta á vexetación espontánea no monte,nas terras de labradío ou de pastos e nas mesma construcións en ruínas que están a converterse en “casasetos, horreosetos”, adornados polas hedras e os sabugueiros que gustan destes espazos húmidos e en ruínas.

Polo que respecta ás árbores hai bos exemplares de castiñeiros nos soutos  en escorrentía, por exemplo nas proximidades de Casares, O Cardedo,A Condomiña ou Marnotes, que conviven con carballos, freixos, amieiros e salgueiros, dentro do que soe coñecerse como bosque de ribeira.

Dun significado especial son por exemplo a Carballa de Casares, que se ben se atopa nun terreo común, era de propiedade particular e foi doada de balde  á veciñanza de Casares.

Nas Campinas hai unha carballeira próxima ao lugar que, ademais de varios exemplares desa especie, conta con algún singular. O Barreiro de Casares é unha extensa carballeira na que ademais de carballos de gran porte hai outras especies vexetais como castiñeiros e bidueiros.E algúns outros que por aí haberá e non resultan visibles pola maleza e inaccesibilidade ao seu pé.

No Cardedo, terra fértil, húmida e abrigosa, onde medraban moitas cepas e castiñeiros, pode admirarse unha fermosa camelia que de non ser centenaria non debe de estar lonxe de selo.

O relato que precede é unha interpretación moi persoal da contorna que mellor coñezo e que seguramente algunhas persoas quixeran ver aquí recollida algunha mostra do seu lugar, da súa casa, do seu hórreo, ou da súa leira. Como iso non é posible, só me queda expresar a miña ilusión por que ao menos lle sirva de agasallo para rememorar algo de nós que perdura, a pesar de todos os tropezos

Arquitectura funeraria no cemiterio do Campo (2020).Obra súa ou da escola de Jesús González de Saavedra, ao que Felipe Senén cualifica de “santeiro

Este poema que, non hai dúbida é un retrato da imaxe da virxe da Asunción,patroa do Campo, foi publicado no nº 31 da revista “Suevia” na Habana o 22 de setembro de 1912, por este emigrante,seguramente natural da parroquia. Pode que alguén saiba dar noticia del. (Fonte:GALICIANA/Biblioteca de Galicia )

Xulio Dobarro Ferradás. Vigo, febreiro,2021.


[10]X. Dobarro Ferradás: O Irixo. Patrimonio Cultural. Tórculo Edicións, Vigo, 2020


Outros artigos de Xulio Dobarro

O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.