Pablo Arangüena desafía ao goberno galego a impoñerlle ás eléctricas a sanción de 2 millóns de euros, porque “teñen a competencia, a obriga e os medios” con ata tres leis autonómicas
O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, apuntou hoxe á “posible prevaricación por omisión” da Xunta, que leva 3 meses sen actuar logo de coñecer do baleirado dos encoros. No debate dunha pregunta oral en Comisión, o responsable socialista lamentou o “cinismo insoportable” do goberno galego ao intentar derivar a responsabilidade ao Estado cando contan con ata 3 leis e un regulamento con outros tantos réximes sancionadores.
Arangüena sinalou que “o goberno galego sabía o que acontecía, coñece a obriga legal e non fixo nada aparte de botar balóns fora” e insinuar unha suposta conivencia do goberno central coas eléctricas “xustamente esta semana, na que o Executivo puxo enriba da mesa medidas restritivas para tratar de meter en vereda ás eléctricas”. Lembrou que o Executivo está modificando actualmente o artigo 55 da Lei de Augas para permitir tomar as decisións que esta vez non puido.
Ao mesmo tempo, dixo, quen segue sen facer nada é a Xunta, liderada por un Feijóo que si que é amigo recoñecido do presidente de Iberdrola, Galán, como demostrou o “abrazo cando gañou as eleccións de 2009”. O que si fixeron, sinalou, foi reducir este mesmo ano nun 92 por cento as sancións previstas polo baleirado dos encoros previsto na Lei de Pesca fluvial, pasando de 300.000 euros a apenas 25.000.
O parlamentario socialista preguntoulle ao goberno galego “por que aplican a menor sanción prevista na Lei de Pesca mentres a conselleira fala de que poden sancionar ata con 2 millóns de euros pola Lei de Patrimonio Natural de Galicia: se poden impoñelas, fágano”, desafiou. Advertiu que de producirse dano ecolóxico, como é o caso, “quen ten competencias son vostedes, ademais de centos de axentes medioambientais” para vixiar a situación dos encoros.
Puntualizou que “a protección medioambiental non está configurada como opcional, senón que resulta obrigatoria para a Xunta de Galicia, que non pode elixir protexer ou non protexer, senón que ten a obriga taxativa” de facelo, e a capacidade de actuar de oficio.
Pablo Arangüena explicou que a capacidade de actuación da Xunta deriva do Decreto 130/97, que aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial, que no seu artigo 83 regula a actuación precisamente no caso do “esgotamento de masas de auga”. A Lei de Pesca de Galicia, pola súa banda, sinala no artigo 73.1 que a alteración dos caudais é unha infracción grave, e a Lei de Protección Ambiental habilita a toma de medidas cautelares, incluíndo a suspensión da actividade (art. 29).
Comunicación
Lamentou que o goberno galego non se teña dado por informado cando a propia Iberdrola informou do baleirado dos encoros o 10 de xuño e o 12 de xullo en Cenza e Portas, respectivamente, así como fixo a Confederación Hidrográfica ao trasladar a información ao 112 “que depende do señor Rueda”. Sinalou que “tampouco lles vale a comunicación que efectúa semanalmente a Confederación do nivel de cada un dos encoros a Augas de Galicia”.
Apuntou que “o caso é que nin sequera son necesarias esas comunicacións”, que “non son un requisito para que implementen as medidas establecidas no Regulamento de ordenación da pesca fluvial di que teñen que establecer e que a día de hoxe non estableceron, incriblemente”. Subliñou que a Xunta ten que tomar estas medidas e comunicárllelas ás concesionarias “de oficio, non dependendo de ningunha comunicación”.