O PP de Ribadavia propón unha bonificación para os vehículos eléctricos e híbridos

IES CHAMOSO LAMAS

O grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia presentará ao Pleno de novembro unha moción para solicitar ao goberno municipal que leve a cabo unha modificación da ordenanza fiscal número 2, reguladora do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM). A modificación da ordenanza que propoñen os populares consiste en engadir un punto terceiro no artigo 4 da ordenanza (Exencións e bonificacións) coa seguinte redacción: “Gozarán dunha bonificación do 75 por 100 de cota do imposto os vehículos de mobilidade sostible, entendendo por tal tanto os vehículos eléctricos coma os vehículos híbridos (motor eléctrico-gasolina, eléctrico-diésel ou eléctrico-gas)”

Para os populares é moi importante levar adiante esta modificación da ordenanza do IVTM xa que nun contexto no que cada vez se fai mais importante establecer medidas encamiñadas á redución de gases de efecto invernadoiro, parece razoable que dende as administracións públicas se establezan mecanismos de bonificación fiscal para as persoas que incorporen ao seu día a día actitudes e instrumentos que lles permitan reducir as súas emisións de gases.

HIPER MASIDE

Os populares sinalan que “é por todos coñecido que os automóbiles son un dos instrumentos da nosa vida cotiá con maior emisión de gases de efecto invernadoiro e que, polo tanto, contribúen nunha medida importante ao aumento de emisións á atmosfera. Dende hai anos a esta parte, a industria do automóbil está a mudar cara á incorporación de tecnoloxías mais respectuosas co medio ambiente, coma é o caso dos vehículos eléctricos ou os vehículos híbridos, e no grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia consideramos que o concello debe establecer un mecanismo de bonificación do IVTM para estes vehículos de xeito que estas bonificacións poidan servir coma incentivo para que a nosa veciñanza aposte polo emprego de vehículos de mobilidade sostible e comprometida co Medio Ambiente”.