
A provincia de Ourense e nomeadamente a Ribeira Sacra protagonizarán o 26 de febreiro de 2022 a etapa raíña da Volta Ciclista a Galicia “O Gran Camiño”, na terceira das catro probas que entre os días 24 e 27 integrarán unha carreira que pretende recuperar o nivel, a imaxe, a repercusión e o carácter profesional que tiña hai máis de dúas décadas a Volta a Galicia. A proba foi presentada hoxe no Pazo Provincial coa asistencia do presidente da Deputación, Manuel Baltar; o responsable da organización, Ezequiel Mosquera; o exciclista profesional Óscar Pereiro; e o deportista ourensán Carlos Canal.
Manuel Baltar afirmou que desde o primeiro momento no que se falou desta carreira “tivemos claro que tiñamos que estar aí”, felicitando á organización por escoller a Ourense “para a etapa raíña dunha volta que sairá desde Maceda e rematará en Luíntra, en plena Ribeira Sacra”.
Ourense, subliñou, “cre no deporte e singularmente no ciclismo”, lembrando a alianza que a Deputación de Ourense mantén desde hai tempo con La Vuelta a España ou a celebración, en setembro pasado, de tres etapas da “Ceratizit Challenge by La Vuelta 21”, a carreira más importante do calendario mundial feminino, “no marco dun ecosistema de turismo deportivo polo que estamos a apostar e onde a bicicleta ten un destacado protagonismo”
Para o presidente provincial é todo un acerto recuperar a Volta a Galicia “vinculándoa a ese fenómeno cultural e social que é o Camiño, co que Ourense ten moito vencello a través da Vía da Prata, o Camiño de Inverno de Valdeorras ou o Camiño Miñoto no que estamos a traballar”.

Ezequiel Mosquera definiu a Volta como “un proxecto de país” sinalando que o obxectivo é “que sexa a primeira edición de moitas, como un medio incuestionable de promoción do territorio”. Desvelou que conforme ían encaixando pezas “todo apuntaba a que a etapa raíña tocaríalle a Ourense, con 50 últimos quilómetros espectaculares, protagonizados polo río Sil, con subidas duras e baixadas moi técnicas”.
Agradeceu a implicación da Deputación de Ourense “neste novo-antigo proxecto” garantindo “o esforzo e implicación da organización”, e anunciando que rebaixarán en dous anos a idade do maillot do mellor mozo, que quedará en 23 anos.
Para Óscar Pereiro, “Galicia ten catro provincias incribles, diferentes todas elas, pero eu non tiña dúbida de que a etapa raíña tiña que ser en Ourense, unha gran descoñecida en ciclismo e cicloturismo con estradas e rutas perfectas para este deporte”, agradecendo a vontade da Deputación por darlle pulo ao ciclismo”.
Carlos Canal expresou pola súa banda a ilusión por recuperar unha proba profesional de ciclismo en Galicia, pero sobre todo “porque vai pasar polas estradas nas que me criei e nas que adestro a diario”, destacando que o seu encaixe no calendario nacional e internacional permitirá a participación de importantes equipos.
A Volta a Galicia “O Gran Camiño” disputarase do 24 ao 27 de febreiro de 2022 e atravesará as catro provincias, cun percorrido do que aínda se coñecen poucos detalles, así como tamén dos equipos que participarán, entre os que xa está confirmado Movistar e o Israel Start-Up Nation.