XOCIVIGA amosa un amplo cartel de proxeccións, masterclass e música para a última semana de xullo

IES CHAMOSO LAMAS

Esta mañá foi presentado no Concello do Carballiño o cartel oficial de das Xornadas de Xociviga. O Festival das Xociviga (Xornadas de Cinema e Vídeo de Galicia) de Carballiño celebrarase a última semana de xullo, do 27 ao 31. Chegan cun espírito novo e cunha ampla programación que inclúe 11 proxeccións de cinema, 2 masterclass con recoñecidos directores e 2 actuacións musicais como broche final.

Esta edición número 38 contará con actividades para todos os públicos que queiran achegarse ao mundo do audiovisual. Os pequenos serán os protagonistas das mañás organizadas por Xociviga. O Auditorio Manuel María acollerá de xoves a sábado ás 11:00h películas infantís. Por orde cronolóxica: Lunáticos (xoves 28), Ainbo (venres 29) e Valentina (sábado 30). Esta última ten detrás a un equipo galego. Narra a historia dunha nena con síndrome de down que desexa ser trapecista. Porén, é capaz de loitar contra as “limitacións” que ela pensa ter grazas a súa avoa. Gañou o Premio Goya no 2021 a Mellor Película de Animación.

Para os adultos, máis proxeccións, este ano aumenta o número das mesmas con respecto ao ano pasado. O horario das películas proxectadas será as 19:00h no Auditorio Manuel María, mentres que pola noite, o anfiteatro da Praza da Veracruz  convertirase nun cine ao aire libre para desfrutar de filmes ca partir das 23:00h. Comeza El Buen Patrón, protagonizada por Javier Bardem e que arrasou nos Goya. Será a única película con mínimo custe, 1€. Todas as demais de balde, e os que se acheguen a visionar esta obra, poderán participar nun sorteo coa compra da súa entrada. Outras das que se poderán desfrutar son Espíritu Sagrado, Tres, ¿Qué hicimos mal?, La Voluntaria, Jacinto (de estrea aquí na nosa vila), Cinco Lobitos e Malencolía (rodada na contorna na zona de Seoane).

Cabe destacar a achega de formación que pretende ofrecer a organización a través de dúas masterclass outorgadas por directores do panorama nacional. A primeira, corre a cargo do manchego Chema García, (Espíritu Sagrado). El será o encargado de amosar os seus coñecementos ás 12:00h na Casa da Cultura. Tamén falará do proceso creativo e producción dos seus filmes Liliana Torres (¿Qué hicimos mal?)o día seguinte, venres 29 de xullo no mesmo lugar e á mesma hora. Porén, este ano hai unha novidade con respecto ao anterior: as masterclass serán tamén emitidas na plataforma Twitch para aqueles que non poidan acudir presencialmente.

Un pulo á cultura galega que tamén se resarce das novas xeracións e que invita a participar a autores da xeografía galega. O concurso de curtas conforma outra das principais achegas. O xurado nesta ocasión trae unha novidade: estará composto tamén por mozos formados en comunicación audiovisual.

Dende XOCIVIGA agradecen a participación do comercio local do Carballiño e dos patrocinadores que se prestaron a colaborar neste festival.

SPORTUR GALICIA 2022

Aquí o programa completo: