As persoas con Vih Sida, vítimas do debilitamento do sistema de saúde pública acentuado na crise covid

No día mundial de loita contra a Sida o Comité Cidadán denuncia que os cambios nas citas de Atención Primaria e nas de especialidades atrasan aínda máis diagnósticos e intervencións

O adiamento de probas e o menor número de especialistas prexudica o seguimento das patoloxías crónicas

AVANTAR ACTIVIDADES

Quéixanse de restricións nos acompañamentos ás consultas, longas esperas en urxencias e problemas para recibir a vacina da gripe

Celebrar no 2021 o Día Mundial da Loita contra a SIDA, e facelo realmente útil para a defensa dos intereses das persoas con VIH-SIDA, precisa necesariamente de darlles voz neste texto. Expoñer as súas demandas e queixas sobre unha Sanidade Pública que, lonxe de saír reforzada tras da pandemia da Covid, como suxire a Administración, semella mais ben estar debilitada e ter caído no abuso e no déficit de atención.

No día a día as persoas que reciben o apoio do Comité Cidadán Anti Sida de Ourense láianse dos continuos cambios de data nas citas, sendo aprazadas ou adiantadas ate tres ou catro veces de xeito aleatorio a prol de non se sabe ben que intereses, dende logo non os das usuarias, facendo imposible chegar a cadrar coa previsión necesaria a cita en medicina interna e a data das analíticas precisas para o seguimento das súas patoloxías.

As listas de espera alónganse no tempo chegando en especialidades como oftalmoloxía ate dous anos de agarda. Probas como resonancias, TACs, endoscopias, etc, precisas para a diagnose e determinación do axeitado tratamento de certas de doenzas, alónganse de tres a seis meses de agarda.

A falta de consenso ou claridade e desacordo sobre quen ten que facer que entre Atención Primaria e Atención Especializada Hospitalaria conleva igualmente que as nosas usuarias tarden en ser derivadas a un especialista ou proba diagnóstica xa que cada quen considera que debe ser a outra parte a que determine esa derivación.

A atención especializada ven marcada por unha clara carencia de especialistas o que entre outras cousas determina ser atendido cada vez por un profesional distinto notándose claramente que descoñecen o historial das nosas usuarias. Nesta liña a falta de anestesistas determina un tapón á hora de lograr data para o sometemento a unha intervención cirúrxica.

A rigorosidade na aplicación dos protocolos Covid determina que moitos profesionais sanitarios insistan en non deixar pasar ás consultas ós acompañantes de persoas dependentes ou con discapacidades ou déficits cognitivos incapaces de referir con claridade as súas doenzas polo que a atención que reciben non vai ser a mais axeitada.

En relación coa vacina da gripe as persoas que nós atendemos manifestan que unha cousa é o que poñen os carteis de difusión e campaña e outra moi distinta debe ser a información que ten o persoal administrativo que xestiona as citas xa que cumprindo os criterios para ser vacinado este persoal en vez de dar a correspondente cita para a vacinación deriva o médico para que este autorice. Por outro lado unha vez as nosas usuarias logran ser citadas para vacinar chegada a hora e data se lles comunica que teñen que voltar outro día por terse acabado as vacinas

Queixa reiterada das nosas usuaria tamén é unha atención menos personalizada e atenta por persoal que acusa claro queime profesional pola a precariedade laboral na que ós ten o Sergas e o exceso de horas traballadas (ter que dobrar quendas ou atrasar vacacións) por non ter substitutas.

De igual maneira manifestan queixas pola saturación das urxencias que conleva interminables horas de agarda ate seren atendidas, e mesmo logo de ser atendido outra longa agarda ate ter praza para, en caso de precisalo, ser hospitalizado pondo en evidencia a falta de persoal e o déficit de camas para a hospitalización.

Manifestar tamén a queixa das traballadoras do Comité Cidaán Anti Sida de Ourense ás que se nos di que somos persoal sociosanitario esencial para cumprir coas obrigas de manter o desenvolvemento da nosa actividade perante o confinamento pola Covid pero á hora da vacinación fronte á Covid, ou mesmo agora fronte a gripe, se nos tipifica como poboación xeral