A Xunta de Galicia asina co concello de Boborás o convenio para o novo centro de saúde

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia construirá en Boborás un novo centro de saúde que aumentará en case un 40% a superficie do actual. A tal efecto, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego e a alcaldesa deste concello, Patricia Torres, asinaron un convenio de colaboración para edificar este novo centro nunha parcela cedida polo concello.

A Deputación de Ourense achegará 186.000 euros para a urbanización dos terreos do novo centro de saúde de Boborás, orzamento que inclúe un aparcadoiro con 70 prazas, unha parada de autobús, a construción de beirarrúas e a instalación de colectores para a xestión de residuos. Así o destacou o vicepresidente da institución provincial, Rosendo Fernández, tras asistir hoxe á sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Boborás para a construción do novo centro asistencial.

AVANTAR ACTIVIDADES

O vicepresidente da Deputación subliñou que “a colaboración entre administracións constitúe sempre un exemplo positivo, máis importante aínda tratándose dunha infraestrutura sanitaria”. A institución provincial, sinala Rosendo Fernández, “sempre está e seguirá estando aí para cooperar na mellora dos servizos á cidadanía”, felicitando tamén á alcaldesa de Boborás “por estar sempre á procura de novos proxectos”, así como ao conselleiro de Sanidade “por atender as necesidades da veciñanza”.

Tal e como detallou o conselleiro, o novo centro de saúde vai ter 650 metros cadrados e nel contarase cun espazo específico para a consulta do programa da muller. Ademais, terá unha sala polivalente que poderá usarse para a atención de casos urxentes ou para a realización de técnicas. Tamén terá unha sala específica para casos de patoloxías respiratorias, co obxecto de garantir que, no caso da covid ou de calquera outra infección semellante, a atención a este paciente non comprometa nin aos outros usuarios nin aos profesionais.

Dende o punto de vista do profesional tamén haberá unha mellora importante nas instalacións, xa que o novo centro contará cunha sala de xuntas, vestiarios e almacén. Terá, así mesmo, dúas consultas de medicina xeral e dúas de enfermería, coas dimensións establecidas nos criterios asistenciais unificados do Sergas.

En consecuencia, “vai ser un inmoble moderno para darlle aos profesionais unha contorna de traballo á altura do seu labor”, dixo o conselleiro no acto, no que tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; e o xerente da área sanitaria, Félix Rubial,

García Comesaña sinalou que Boborás será o primeiro concello da fase 1 do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, aprobado o pasado mes de outubro polo Goberno galego, que se constrúa e poña en marcha, “o que demostra a aposta da Xunta porque a cidadanía do rural reciba a mellor asistencia e porque os profesionais que exercen nestes centros traballen nas mellores condicións”. Ao respecto disto, o conselleiro destacou a celeridade do concello no proceso de identificación da parcela e no inicio dos trámites de expropiación, coa colaboración da Deputación de Ourense.

Investimentos en primaria e hospitais

O máximo responsable sanitario remarcou que a Xunta segue a impulsar a renovación integral da atención primaria en Galicia, “é un compromiso que a Xunta mantén intacto dende hai 12 anos, nos que o Executivo galego construíu ou reformou 96 centros que, xunto cos catro que están hoxe en construción, suman un investimento de máis de 120 millóns de euros”. Os fondos destinados nos Orzamentos da Xunta deste ano para o capítulo de investimentos en atención primaria, -proseguiu o conselleiro-, son con 34,3 millóns de euros, os segundos máis altos dos últimos 16 anos, so superados polos do pasado ano, que chegaban a 54 por incorporar un fondo covid.

O compromiso da Xunta coa atención primaria na provincia de Ourense reflíctese, -dixo García Comesaña-, no Centro Integral de Saúde da cidade das Burgas, do que xa está adxudicado o proxecto construtivo; e o novo centro de saúde da Rúa, do que se vai licitar o contrato do proxecto neste mes. Na fase 1, ademais de Boborás, a Xunta ten proxectados un novo centro de Saúde en Muiños e outro en Carballiño.

No apartado de investimentos en hospitais, neste mesmo mes, a Xunta iniciou a obra dun novo edificio de hospitalización, adxudicou a reforma da UCI, e licitou a obra da unidade de medicina nuclear. Actuacións xa en marcha no Hospital de Ourense e que supoñen un investimento conxunto de case 65 millóns de euros, ás que se sumarán os novos edificios ambulatorio e administrativo.

Hai, polo tanto, -subliñou o conselleiro-, “unha renovación integral en Ourense, tanto en primaria como en atención hospitalaria”, e Boborás únese a outros concellos nos que a Xunta leva actuado na provincia. Un total de 11 centros novos, os máis recentes Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz; dúas reformas en marcha, Ribadavia e Arnoia e 15 convenios asinados cos concellos para facer actuacións en centros de titularidade municipal.

Xunto ao anterior, en materia de equipamento, nos últimos anos o centro de saúde de Boborás recibiu un electrocardiógrafo, un espirómetro e un hólter de presión arterial, dentro dun investimento global de oito millóns.