A música tradicional de Galicia soará o vindeiro sábado no Carballiño coa celebración dun concerto ‘pre-letras galegas’, na véspera do 17 de Maio, no espazo cultural da libraría Ozoco. Esta actividade foi presentada na Casa do Concello polo edil de Cultura, Diego Fernández; a xerente de Ozoco, Reme Forneiro, e o gaiteiro e investigador Isidro Vidal.
Fernández salientou que “con motivo das Letras Galegas, o tecido cultural da nosa vila está a levar a cabo actividades importantes e, neste caso, Ozoco, coa colaboración de Isidro Vidal, propónnos un concerto de grupos folclóricos, no que destaca unha preestrea da renovada banda de gaitas do Carballiño”.
Así, o sábado, 16 de maio, e diante da súa sede na rúa Curros Enríquez, Ozoco organiza un concerto ‘pre-letrasgalegas’ dende as 12,30 horas. Neste recital está prevista a participación das agrupacións Ferriñas de Liño; a coral polifónica A Torre e o grupo de pandeireta do colexio público, ambas de Maside, e a Banda de Gaitas do Carballiño. Ao respecto, Isidro Vidal adiantou que “a banda de gaitas está a retomar a súa actividade, e faremos un pequena presentación neste concerto”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Ademais, durante toda a xornada, “haberá unha banca de libros no exterior con descontos e agasallos e, pola tarde, dende as 18,00 horas e no mesmo espazo, María Besteiro impartirá un obradoiro de escritura creativa”, según avanzou Reme Forneiro.
E para o luns, 18 de maio, presentarase no Auditorio Manuel María da vila, coa colaboración do Concello do Carballiño, o libro “Poden pensar as máquinas?”, de Senén Barro. A cita será ás 11,00 horas e de entrada libre para todos os públicos, aínda que destinada principalmente a alumnado, pais e nais e profesorado dos centros de ensino do propio municipio e da comarca carballiñesa. Senén Barro foi reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) até 2010, e, na actualidade, vén de ser nomeado presidente do Comité Asesor do Laboratorio de Ideas en intelixencia artificial da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial.









