O fotoxornalista ourensán Brais Lorenzo amosará imaxes da súa obra en OZOCOgz o vindeiro mércores

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O vindeiro mércores, 19 de agosto, ás 20,00 horas, estará na tenda OZOCOgz do Carballiño o fotoxornalista ourensán Brais Lorenzo Couto, quen acompañado por Manolo Celta, presidente da Asociación Fotográfica O Potiños, manterá unha conversa e nos amosará parte da súa obra. Brais Lorenzo foi premio “Ortega y Gasset” de fotografía en 2020; premio “Luis Ksado” de creación fotográfica en 2022 e premio “World Press Photo” de Reportaxe Fotográfica en 2025 polo traballo Terra queimada, no que recolleu fotografías da vaga de incendios do verán de 2025.

Nado en Ourense pero con orixes ribeiraos en Berán (Leiro), Brais Lorenzo Couto formouse en Fotografía e Xeografía e Historia. Está interesado en temáticas sociais e medioambientais. Cre no poder transformador da imaxe.

Desde 2010 compaxina o fotoxornalismo con traballos documentais de longo alento. É colaborador habitual de Bloomberg, AFP e Axencia EFE. Realizou fotografías para outros medios de comunicación como El País, El Mundo, La Vanguardia, ABC, Público, Eldiario.es, Revista Luzes, RTVE, XL Semanal, The Guardian e outras axencias como Anadolu ou AP, ademais de realizar diversos traballos institucionais e comerciais. Tamén colaborou con organizacións como Greenpeace ou WWF. É cofundador do colectivo fotográfico OLLO.

Do seu paso pola vilas do Arenteiro e do Avia, pódense lembrar as súas exposicións Antropoloxía Visual dunha Sociedade Confinada, no Museo Etnolóxico de Ribadavia no 2020, e, ao ano seguinte, Tempos de pandemia, na Casa do Concello do Carballiño, que estivo acompañada de unha conferencia sobre esta mesma temática dentro do programa do Arenteiro Fotográfico.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------