Este xoves presentarase o libro do 16º Premio Abrente, “Profetas”, de Ernesto Is

Este xoves, día 14 de xullo, ás 21:00 horas, na Casa do Concello de Ribadavia, terá lugar a presentación do libro “Profetas”, de Ernesto Is, correspondente ó 16º Premio Abrente. No acto intervirán: Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística; Noelia Rodríguez Travieso, Alcaldesa de Ribadavia; Paula Rodríguez, Concelleira de Cultura; Roberto Pascual, Director da MIT e Ernesto Is, autor.

Ernesto Is é o primeiro dramaturgo que consegue por segunda vez o Premio Abrente de
Textos Teatrais. Este autor asturiano afincado en Galicia, titulado en Dramaturxia pola ESAD de Galicia, estará triplemente presente este ano na MIT, un protagonismo especial debido á presentación deste seu novo libro na PreMIT, editado na colección Abrente da Editorial Difusora que dirixe Roberto Pascual, e tamén porque foi o dramaturgo seleccionado polo Centro Dramático Galego para a 1ª Bolsa de Dramaturxia Residente, co texto Relato para un incendio, que se levará a escena en coprodución con Aantena, o CDG e a propia MIT con estrea prevista o xoves 21 de xullo ás 20h00 na Igrexa da Madalena, logo de tres días de residencia técnica.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ernesto Is suma o seu texto a un catálogo de dramaturxia galega actual que xa é un referente para a nosa cultura. A colección Abrente conta co apoio da SXPL da Xunta de Galicia e supón unha ferramenta de proxección e difusión da dramaturxia en galego e dos autores e autoras novos e diversos ámbitos. A iso súmase a MIT, para que os libros dean o paso do papel aos escenarios, pero tamén aos moitos lectores que poderán atopar pezas de gran calidade e innovación.

O xurado destacou desta peza que “está maxistralmente escrita, ten un ritmo narrativo perfecto, con cadencias, musicalidade e cambios adecuados. Tamén destaca a construción dos personaxes, con peso equitativo tanto para o home coma para a muller, cos cales o público empatiza en igualdade, volvéndose ademais uns xoguetes moi atractivos para calquera actor e actriz”.

A obra presenta o encontro dunha parella que xa non o é, para facer un balance da súa relación, dos encontros e desencontros, despois de varios anos, dende a etapa de maior inmadurez ata a solidez intelectual e física. As referencias moi pertinentes da literatura e do cinema na peza, coma Moby Dick, que se integran con naturalidade na construción dunha tipoloxía de intervención escénica próxima ao ton da conversa. A cuestión metateatral desta obra funciona coma un xogo de agochados, de saltos e retos na recepción. As figuras escénicas están en desamor pero namoran ao público e atrapan a súa atención.