Comunicado da directiva da Anpa do Esmu/Cmus do Carballiño:

A nova directiva da ANPA do ESMU/CMUS do Carballiño mantivo unha reunión con carácter de urxencia para tratar as problemáticas existentes no Conservatorio priorizando o tema da demanda de matrículas para o curso 2023/2024 así como temas importantes referentes á calidade educativa do centro.

É pública e notoria a problemática xurdida ao longo do curso 2022/2023. Preocupa a falta de transparencia na xestión do centro e a falta de información en canto a que se solucionen tódalas necesidades educativas existentes.

AVANTAR ACTIVIDADES

A través de diversos escritos e nas reunións do consello escolar do curso pasado solicitouse levar a cabo as medidas correctoras oportunas para mellorar a especialización do profesorado e ampliación do horario.

É notable a desidia por parte dos responsables do Conservatorio para solucionar os problemas que afectan ao centro. Existen numerosas queixas e propostas de mellora por parte dos diferentes membros da comunidade educativa que non se están tratando. Todas estas cuestións están debidamente recollidas e argumentadas na memoria anual do Conservatorio que está a disposición de calquer membro interesado da comunidade educativa. Tamén preocupa a falta de convocatoria da reunión final de curso do Consello Escolar na que se debería tratar a oferta educativa do próximo curso e tódalas problemáticas do centro.

Non se recibiu ningún tipo de resposta “a ningún escrito” solicitando información e solucións presentados a través de “Rexistro do Concello” dirixidos aos diferentes responsables do centro, con datas:

-09-06-23: nº rexistro 2023-E-RC-5400

-14-06-23: nº rexistro 2023-E-RC-5577 / RC-5578

-03-07-23: nº rexistro 2023-E-RC-6226

-14-07-23: nº rexistro 2023-E-RC-6588

“Na actualidade e a falta dun mes para o comezo do curso escolar”, descoñecemos cal é a oferta concreta de prazas e cales van ser as solucións para atender a demanda de matrículas que propón a área de educación e cultura  do concello. Esta problemática non se puido resolver dende o consello escolar posto que non foi convocada a última reunión do curso e dado que non había representación do Concello por non estar definidas as competencias da nova corporación municipal.

Nos escritos presentados propuxéronse diferentes solucións para atender a oferta educativa ademais de solicitar información precisa sobre a resolución da problemática para poder informar á comunidade educativa afectada. Tamén se solicitou buscar unha solución legal ao aumento do horario do profesorado entendéndose que é totalmente viable en tódolos seus aspectos xurídicos e laborais.

A partir dos datos que reflexa o cadro de preinscricións presentado dende a Directiva do Centro para o curso 2023/2024, entendemos dende unha responsable e profunda reflexión, que a solución pasa por aumentar o horario dos profesores de instrumentos de violín, frauta e guitarra. Na actualidade ditos profesores teñen un contrato mínimo de  “6 horas”. A maiores coa incorporación dun especialista en linguaxe musical liberaríase o horario dos demais profesores de instrumentos para atender a demanda de matrícula xurdida. Ditos profesores teñen o seu horario limitado xa que están a cubrir numerosas horas  das asignaturas de linguaxe musical en tódolos itinerarios de iniciación e grao elemental. Dende a ANPA e a representación de PAIS/NAIS no consello escolar entendemos que a incorporación dun especialista en linguaxe musical é unha necesidade educativa prioritaria.

Ado.: Nova Directiva da ANPA do ESMU/CMUS do Carballiño

Delio Pousa Rodríguez                            Begoña Rivera Casas                        Stephany Mariana Torres