Luis Menor destaca na 74ª Asemblea da Federación Mundial de Hidroterapia o labor de investigación realizado en Ourense sobre termalismo

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, destacou hoxe o labor de investigación realizado desde Ourense sobre termalismo, “que permite exportar un valioso coñecemento ao resto do mundo”. Menor pronunciou estas palabras no Liceo durante a súa intervención no acto inaugural da 74ª edición da Asemblea e do Congreso Científico Internacional da Federación Mundial de Hidroterapia e Climatoterapia (FEMTEC), que se celebra ata este próximo sábado co apoio da Deputación de Ourense, reunindo a expertos do sector de diferentes países do mundo baixo o lema “Balneroterapia do futuro”.  

Na apertura do encontro tamén participaron a vicepresidenta primeira da FEMTEC, Olga Surdu; do director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; a delegada en España da Federación, Marita Souto; e a presidenta do Comité Organizador do Congreso, Florana Menéndez. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente provincial, que deu a benvida aos congresistas, reafirmou o papel dinamizador que xoga o termalismo na provincia, sendo unha das “ferramentas máis poderosas coas que contamos para afrontar o reto demográfico nos municipios rurais, aproveitando a calidade das nosas augas para xerar riqueza, crear emprego e fixar poboación”. Resulta fundamental reforzar o papel do turismo termal, máis despois da pandemia, e todas as posibilidades que ofrece a climatoterapia nas zonas rurais e que implican un estilo de vida saudable.   

A Deputación de Ourense, consciente da importancia que ten o termalismo para a provincia, leva a cabo políticas que contribúen á posta en valor “deste tesouro que nos fai únicos como destino, tanto pola calidade como pola cantidade das nosas augas”, engadiu Luis Menor, quen lembrou iniciativas postas en marcha desde o goberno provincial como o programa de Termalismo Social ou o termalismo contra a soidade non desexada, entre outras. 

Luis Menor agradeceu o traballo realizado pola delegada en España da FEMTEC, non só no que atinxe á organización deste congreso, senón tamén polo seu traballo a prol do termalismo, reflectido a través de publicacións que poñen en valor o rol da provincia en foros especializados.   

45 relatorios sobre estratexias de sustentabilidade e novas visións de saúde e benestar 

Ata o próximo sábado, no congreso abordaranse estratexias de sustentabilidade e propostas de novas visións de saúde e benestar a cargo de expertos que traerán a Ourense os resultados das últimas investigacións e publicacións en revistas internacionais de referencia. O congreso acollerá 45 relatorios a cargo de delegados procedentes de 20 países, con presencia de delegacións de Estados Unidos, Uzbekistán, Italia, Kazajistán, Portugal, España, Polonia, Australia, Francia, Romanía, China, Cuba, Nixeria, Rusia e Suíza, que se completará coas intervencións online desde Argelia, Marrocos, Brasil, México e San Marino. 

Durante o Congreso, tamén se realizará unha homenaxe ao emblemático presidente da FEMTEC, Umberto Solimene falecido o pasado mes de xullo, para agradecer a súa contribución á posta en valor da investigación termal a nivel mundial.  

Elección dos novos órganos de goberno da FEMTEC en Ourense 

A Federación Mundial de Hidroterapia e Climatoterapia, fundada no ano 1937, conta actualmente con máis de 30 países membros, sendo a única organización non gobernamental do sector que mantén relacións oficiais coa Organización Mundial da Saúde. Cabe destacar que Ourense pasará a formar parte da historia da FEMTEC xa que durante a Asemblea Xeral destes días elixiranse ós próximos órganos de goberno e ao seu novo presidente.