A Xunta define a nova cociña comunitaria da aldea modelo de Muimenta como exemplo das pancas dinamizadoras impulsadas pola lei de recuperación

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O conselleiro do Medio Rural en funcións, acompañado pola directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e o alcalde de Carballeda de Avia, visitou o novo espazo

  • José González destacou as posibilidades das instalacións para ser usadas,  dentro do plan de dinamización de Muimenta, no eido formativo e laboral -como apoio do Espazo Agrario de Experimentación-, ademais dun uso asistencial e recreativo para os veciños
  • Esta cociña comunitaria permitirá dar soporte ás actividades produtivas agrícolas da aldea modelo, o que favorecerá o desenvolvemento da contorna
  • O proxecto, que rehabilita unha propiedade municipal, contou con 150.000 euros de financiación procedentes da liña de axudas da Xunta para a creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e polígonos agroforestais

Carballeda de Avia (Ourense), 9 de marzo de 2024.- O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde de Carballeda de Avia, Luis Milia, realizou unha visita á nova cociña comunitaria da aldea modelo de Muimenta, situada no concello ourensán de Carballeda de Avia.  

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Na visita tamén participaron varios rexedores da comarca ademais do director da Fundación RIA, Manuel Rodríguez, xunto a alumnos e profesores do quinto curso do grao de Estudos de Arquitectura da Universidade de Navarra (UNAV), e que precisamente realizaron os seus traballos de fin de grao -e que están expostos na Casa do Concello- en colaboración con esta fundación, no marco do plan de dinamización desta aldea modelo ourensá.

O proxecto da cociña comunitaria, que vén de ser rematado, contou con 150.000 euros de financiación procedentes da liña de axudas da Xunta para a creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e polígonos agroforestais. Neste sentido, o conselleiro en funcións lembrou que o prazo para solicitar estas achegas na convocatoria de 2024, dotadas cun orzamento de tres millóns, segue aberto ata o vindeiro 21 de marzo.

A iniciativa rehabilitou unha propiedade recentemente adquirida polo Concello -formada por dúas edificacións anexas, palleiras e cortellos, e un pequeno patio- a través dunha actuación que recupera os volumes orixinais das edificacións e mantén os muros de granito, sempre tendo en conta o confort dos usuarios e a versatilidade dos espazos.

José González destacou as posibilidades que ofrecen estas instalacións -que contan cun espazo de cociña equipado de xeito profesional, comedor e baño, ademais do mencionado patio exterior- para ser usadas, dentro do plan de dinamización de Muimenta, no eido formativo e laboral -sendo apoio do Espazo Agrario de Experimentación-, ademais de ter un uso asistencial e recreativo para os veciños. Neste sentido, o conselleiro en funcións puxo de relevo as pancas que ofrece a Lei de recuperación para potenciar o territorio, a través de actividades agrogandeiras e, tamén, coa mellora e modernización dos propios núcleos rurais.

González insistiu na capacidade tractora dos plans de dinamización das aldeas modelo, estando activados este mesmo ano o de Muimenta -deseñado pola Fundación RIA-, ademais de Osmo (Cenlle), O Penedo (Boborás) e Trascastro (no Incio)-. Estes  plans serán unha “referencia sólida” para confeccionar un modelo xeral de rexeneración dos núcleos rurais a través de catro fitos: impulso da actividade económica, rehabilitación integral das aldeas seguindo criterios de arquitectura tradicional, planificación preventiva reducindo ao máximo o risco de incendios forestais e a aposta polas “aldeas intelixentes”, con garantía de conectividade dixital e autosuficiencia enerxética.

Usos potenciais da nova cociña comunitaria de Muimenta

Esta cociña comunitaria busca dar apoio e continuación ás actividades produtivas agrícolas da aldea modelo, o que favorecerá o desenvolvemento do rural da contorna. As instalacións permitirán o procesado das producións locais para empaquetar, conxelar ou elaborar produtos, xa sexa por parte dos veciños particulares ou como iniciativa empresarial para a distribución comercial de produtos elaborados; o que configura un ecosistema idóneo para a posta en marcha de iniciativas emprendedoras.

Ademais, a cociña pode dar apoio ao propio Concello no referido ao servizo de asistencia a domicilio, ao permitir preparar comidas e atender aos usuarios. Este novo espazo servirá á súa vez como lugar de encontro para os habitantes da zona, e pode servir de infraestrutura de soporte a novos veciños nun formato de modelo residencial comunitario contemplado polo plan de dinamización de Muimenta.

Espazos Agrarios de Experimentación

Cómpre lembrar que aldea modelo de Muimenta acollerá o primeiro Espazo Agrario de Experimentación, que entrará en funcionamento este mesmo ano. A instalación proxectada está destinada á formación hortícola, a través de tres parcelas de traballo nas que se situará un invernadoiro de ata 600 metros cadrados en cada unha delas, cun sistema de regadío e cinco hortas de 400 a 500 metros cadrados na súa contorna.

O obxectivo destes espazos, que están sendo elaborados en colaboración con expertos do Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, é facilitar que as persoas emprendedoras poidan probar o seu negocio nunha contorna favorable, con terra e instalacións necesarias para o desenvolvemento dunha actividade. No caso de Muimenta, 15 hectáreas están dedicadas a agricultura ecolóxica, especialmente a cultivos de horta

As aldeas modelo

A aldea modelo de Muimenta ten unha superficie total de 29,1 hectáreas, distribuídas en 1.660 parcelas de 241 propietarios. En Galicia hai hoxe 21 iniciativas deste tipo -14 na provincia de Ourense- e todas elas estarán en funcionamento antes de que remate o ano.

Esta iniciativa, enmarcada na Lei de recuperación da terra agraria, busca fomentar a posta en marcha de actividade agrogandeira en terras que se atopan en estado de abandono ou infrautilización, dinamizando os núcleos das aldeas, favorecendo a remuda xeracional e fixando poboación no rural. Esta norma, que tamén contempla outros instrumentos como os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta ou as permutas de especial interese agrario, contribúen á prevención e á defensa contra os lumes.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------