O xoves 21 de marzo na Insua dos Poetas: “Celebración da auga, a árbore a poesía 2024”.Programa

Este é o Programa completo das actividades do xoves, 21 de marzo, a partir das 11 hs da mañá na Insua dos Poetas ( A Esgueva, Madarnás, O Carballiño)

Organiza a Fundación Insua dos Poetas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Colabora a Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, a través da Xefatura de Educación da provincia de Ourense.

Participan 9 centros de ensino da comarca do Carballiño ( públicos e privados). Cada un aportará unha actuación alusiva á entrada da primavera, facendo referencia ós tres referentes que se celebran: a auga, a árbore e a poesía.

Actividades relacionadas co Día da Auga ( 22 de marzo), Día da Árbore ( 21 de marzo) e Día Mundial da Poesía ( tamén o 21 de marzo)

O colexio convidado deste 2024 será o CEIP Xosé Ramón Fernández-Oxea, de Pereiro de Aguiar, que será o encargado de pechar as actuacións.

Os centros educativos recibirán lotes de libros en galego, principalmente literatura de temática infantil e xuvenil que irán destinados ás bibliotecas dos colexios e institutos.

Rematará esta décima Celebración da Auga, a Árbore e a Poesía na Insua dos Poetas coa plantación de árbores autóctonas por parte dos alumnos participantes.


Celebración no ano 2022


Entrevista publicada no xornal LA REGIÓN a Luís González Tosar presidente da Fundación Insua dos Poetas

Luís González Tosar: “Non hai que fuxir da ourensanía, somos máis ca unha provincia”

O escritor, presidente e fundador da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar, prepara a próxima celebración do Día da Auga, Árbore e Poesía

celebración terá lugar na Insua dos Poetas o próximo 21 de marzo, contando coa participación de escolares dos centros educativos da comarca.

A celebración do Día da Auga, Árbore e Poesía é unha das actividades máis participativas na Insua desde hai dez anos.

Si, estamos organizando para o 21 deste mes, na entrada do equinoccio de primavera, un acto no que o protagonismo corresponda á xuventude. Os mozos representan a forza do espírito, a procura da verdade, en definitiva, unha vitalidade indispensable para entender e interpretar, tamén para cuestionar, o mundo no que vivimos actualmente. A auga, a árbore e a poesía son máis que tres grandes símbolos, son tres enormes realidades; somos auga, necesitamos máis árbores e manexámonos con palabras. Aproveito para agradecer a súa participación, ós escolares e ós profesores. 

Vostede foi quen redactou en 2005 o manifesto “Defensa da ourensanía” que asinaron en Celanova 70 persoas relacionadas coa lingua e cultura na provincia de Ourense. Que quedou de aquelo?

Marcos Valcárcel pediume que redactase o manifesto. Tratei de resumir a peculiaridade que nos distingue, que nos identifica ó longo do tempo cunha palabra, un neoloxismo: ourensanía. Os resultados están á vista. Hoxe a potencialidade da cultura galega maniféstase con especial forza e singularidade nun territorio que é máis ca unha provincia. Non hai que fuxir da ourensanía, hai que considerala máis alá da circunstancia política. É a nosa raiz profunda, un orgullo verdadeiro, a partir de aí estamos abertos ó mundo.

Vostede viviu a emigración na capital arxentina, trasladouse a Galicia nos anos 60 do pasado século e abrazou o galeguismo. Como é a súa vida de profesor xubilado en Guimarás, nunha aldea do concello do Irixo?

Non foi o meu un caso illado. Naquela década dos 60 comezou o retorno dos emigrantes na Arxentina, maiormente ourensáns, e ó mesmo tempo a partida, tamén de centos de miles de ourensáns a Europa. Eu vivín esa encrucillada. Tiven claro que a defensa da propia identidade era o camiño. Hoxe vivo só, coma tantos e tantas da miña idade, nunha aldea case baleira. Leo moito, escribo, atendo o meu soño, A Insua dos Poetas, e trato de colaborar cando mo solicitan. Non son amigo de aspaventos nin de postureos. Trato con autenticidade a quen me trata.

A Insua dos poetas é algo extraordinario para a cultura galega e moi valorado para a creadores e colectivos de fóra. Levado a cabo no Carballiño, defende o medio ambiente e a natureza autóctona nun predio de 7 hectáreas que vostede cedeu para uso público. Todo iso unido ás artes plásticas,  á literatura, á música e á expresión cultural máis dinámica. É moi difícil soñar e construír algo así?

Levo quince anos entregado a este proxecto, día a día, e podo dicir que o resultado é moi satisfactorio. A constancia e o tesón foron e seguen a ser elementos fundamentais. Con todo, se non recibise apoios, sobre todo das institucións, en primeiro lugar da Deputación, o resultado sería case imposible. Prefiro non mirar atrás, ir cara adiante, ignorar envexas e non facer caso da miseria moral.