Obras en Senín e Francelos

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

CONCELLO DE RIBADAVIA INICIA AS OBRAS DE EMBELECEMENTO DO NÚCLEO DE SANÍN E O REMATE DAS BEIRARRÚAS DE FRANCELOS.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O concello de Ribadavia inicia as obras de embelecemento do núcleo rural de Sanín e o remte das beirarrúas da localidade de Francelos. Con estas actuacións o concello pretende dar resposta as demandas dos veciños destas localidades.

No caso da obra de embelecemento do núcleo rural de Sanín levarase a cabo unha nova pavimentación do camiño principal do devandito núcleo, composto por un camiño central de 2,3 m de ancho e 15 cm de espesor de formigón gris cepillado. Contará coas súas correspondentes canalizacións de augas pluviais. A ámbolos lados do camiño, nos perímetros e sobreanchos, disporase de adoquín de granito moreno abuxardado. Ademais, preténdese rebaixar o nivel da rasante do camiño entre 10 e 15 cm para mellorar o acceso dalgunhas vivendas que dispoñen dunha cota de entrada por debaixo da devandita rasante. Con respecto ás instalacións, proxéctase a colocación de novos sumidoiros no eixo central, que se conectarán á rede existente de pluviais para conseguir unha mellora na drenaxe e repoñeranse as reixas das entradas ás casas. Por outra parte, se prevé a reposición de 180 m de canalización da rede de abastecemento existente que se encontra actualmente en mal estado. A devandita rede proveerase dos correspondentes pozos de conexión, válvulas de comporta e demais accesorios necesarios para o seu correcto funcionamento. O orzamento estimado para as actuacións obxecto deste convenio ascende a 79.999,98€ financiados na súa totalidade pola Axencia de Turismo de Galicia.

Por outra banda, iniciouse tamén a obra de remate das beirarrúas de Francelos, unha obra na que se vai substituír o actual pavimento de baldosa cadrada hidráulica de formigón, no tramo que vai dende o nº 25 ata a rúa Ramal de Francelos na marxe esquerda, e executar un novo pavimento en formigón impreso; trasladar os postes eléctricos que están no medio da beirarrúa; realizar en todo o tramo os vaos para os pasos de peóns existentes; e restaurar os dous tramos de varanda metálica existentes. O pavimento de formigón levará cada 4 m. unha xunta, para absorber os movementos do material e evitar posibles gretas. Neste caso a obra financiarase con cargo á partida de 78.000€ que se aprobou no Pleno de setembro da Deputación de Ourense para remate de beirarrúas no concello de Ribadavia.