A Deputación posibilita que os concellos celebren telemáticamente as sesións dos seus órganos colexiados

Dentro das medidas que impulsa fronte á pandemia do Covid-19, a Deputación de Ourense ofrece aos concellos da provincia a posibilidade de celebrar telemáticamente as sesións dos seus órganos colexiados. Unha das consecuencias administrativas da crise sanitaria do coronavirus foi que, no marco do Real Decreto-lei de novas medidas fronte ao Covid-19, modificouse a Lei 7/1985, que regula as Bases de Réxime Local, para facilitar ás entidades locais a posibilidade de convocar e celebrar sesións dos seus órganos colexiados, e adoptar acordos a distancia por medios electrónicos.

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, afirma que dentro das novas medidas fronte á pandemia do Covid-19, esta ferramenta permitirá aos concellos que o soliciten celebrar telemáticamente os seus plenos, comisións informativas e reunións dos seus órganos colexiados, o que supón, destaca o presidente, un paso máis na estratexia de cooperación cos municipios da provincia, facilitándolles neste caso o uso de medios telemáticos que permiten a validez dos acordos adoptados.

Trátase -sinala Baltar- de ofrecer máxima eficacia na xestión nun momento en que a actuación das administracións públicas adquire unha especial significación no seu labor de guía e apoio á cidadanía, e sobre todo como garantía de fiabilidade; e con esa máxima, a colaboración entre os diferentes niveis administrativos debe ser unha palabra crave, destaca o presidente Baltar.

A Deputación de Ourense contratara o ano pasado un servizo para a gravación e transmisión de plenos a través de streaming por Internet, con videoacta certificada, un sistema que foi posto no seu día a disposición de todos os municipios da provincia. Esta ferramenta permitiría nestes momentos os concellos celebrar telemáticamente os seus plenos, comisións informativas e reunións dos demais órganos colexiados. Para iso, os alcaldes dos municipios interesados neste servizo deberán porse en contacto coa área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, a través do correo: fernando.suarez@depourense.es.