Operativo de desinfección en residencias de maiores, despregado pola Deputación de Ourense e o Consorcio contra Incendios e Emerxencias

A iniciativa, que se desenvolve en colaboración cos parques de bombeiros, leva a cabo en 12 residencias das comarcas de Verín, Valdeorras, A Limia e O Carballiño

Baltar cualifica esta acción como “un novo paso importante na loita contra o COVID-19” e remarca “a cooperación do goberno provincial co Posto de Mando Avanzado da Xunta en Ourense, co que cooperamos tamén na compra de material sanitario e outros ámbitos, estratexias todas enfocadas a enfrontar coa máxima eficacia a loita contra o virus”

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe o “novo paso importante que está a dar o goberno provincial na súa loita contra o COVID-19”. Trátase do operativo de desinfección despregado en residencias de maiores da provincia de Ourense, que a Deputación e o Consorcio Provincial contra Incendios e de Emerxencias poñen en marcha para contribuír a neutralizar os contagios en lugares considerados prioritarios na estratexia fronte á pandemia.

A iniciativa, que se está desenvolvendo en colaboración cos parques de bombeiros, leva a cabo en 12 residencias de maiores das comarcas de Verín, Valdeorras, A Limia e O Carballiño. E tamén o camión baldeador da Deputación está desinfectando aquelas localidades onde se rexistran persoas positivas en Covid-19 e as autoridades municipais solicitan este servizo, ata o momento: Xinzo, Barbadás, Monterrei, Oímbra, Cualedro e Vilardevós.

A Deputación de Ourense é a única de Galicia que implementou este operativo coordinado especificamente cun Consorcio Provincial contra Incendios e de Emerxencias, colaborando nos labores de desinfección, operativo que realizan as dotacións de bombeiros do consorcio e que seguirá desenvolvéndose en cada residencia con periodicidade semanal.

Manuel Baltar destaca “a cooperación do goberno provincial co Posto de Mando Avanzado da Xunta de Galicia en Ourense, co que vimos cooperando tamén a compra de material sanitario -como o que entregamos a semana pasada- e outros ámbitos; estratexias enfocadas a enfrontar coa máxima eficacia a loita contra o COVID-19”, afirma o presidente provincial.

En concreto, os labores de desinfección realízanse nas seguintes residencias: os luns en Valdeorras ( Asfaval e A nosa Señora de Fátima); Os martes na Limia (residencias de Porqueira e Xinzo); os mércores no Carballiño (residencia para maiores con autonomía, As Caldas, residencia para persoas con dependencia e residencia Irmáns Prieto); e os xoves en Verín ( Hogar Santa María, en Verín, e Hogar Santiago Apóstolo, residencia para persoas maiores e vivenda comunitaria Santiago Apóstolo, en Monterrei).