A Xunta autoriza as actividades de roza, mantemento e limpeza nos montes, nos predios en solo rústico e nas fincas urbanas de núcleo rural e urbanizable
O DOG establece que os titulares destas parcelas ou as persoas que ostenten os dereitos sobre elas poderán acudir a xestionar a biomasa, tras o acordo ao respecto do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria.
Para xustificar o desprazamento, os interesados deberán levar consigo unha declaración responsable que comprenda as fincas nas que van traballar e portar os apeiros necesarios, ou ben facer constar que os teñen na parcela ou lugar determinado.
A medida adóptase despois de que xa se reactivase a obriga da limpeza das faixas secundarias -as dos 50 metros máis próximos ás vivendas- e tendo en conta a proximidade da época de alto risco de incendios forestais.