Moción do Bng para recuperar o complexo deportivo de Pena Cobertoira

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Que o deporte deixou de ser unha actividade marxinal, practicada por uns poucos, e converteuse nun elemento fundamental de cohesión social, indicativo de calidade de vida, é algo que ninguén dubida. Os concellos, como administración máis próxima aos cidadáns teñen a obriga de responder ás necesidades deportivas da veciñanza. 

AVANTAR ACTIVIDADES

VIDEO

O complexo deportivo de Pena Cobertoira, situado na parroquia de Sagra, foi inaugurado no ano 2002. Esta instalación consta dun campo de fútbol, pistas de atletismo e vestiarios que a día de hoxe atópanse en estado de abandono e de ruina agravado polos efectos do vandalismo. 

No Carballiño contamos con tres clubes de atletismo con aproximadamente cen atletas de tódalas idades. Moitos deles participan en competicións de ámbito galego e teñen que desprazarse a Ourense para poder entrenar. 

En reiteradas ocasións durante o mandato anterior, o BNG, presentou distintos requerimentos para que se puidesen poñer en valor e optimizar estas instalacións. Temos constancia que xamais o grupo de goberno encetou ningunha iniciativa que permitira executar o acordado en pleno. 

Dende o BNG parécenos que se debe clarexar definitivamente calquera dúbida sobre a titularidade desta infraestructura para poñela en funcionamento, homologar as pistas e así poder acoller competicións oficiais e adestramentos. Coidamos que para a veciñanza da parroquia, significaría un importante pulo de desenvolvemento económico. 

Por todo o anterior exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno a adopción do seguinte 

ACORDO 

1. O Concello do Carballiño promoverá de xeito inmediato unha xuntanza cos posibles propietarios deses terreos co fin de clarexar a situación da titularidade desta infraestructura. 

2. O Concello do Carballiño convidará á Secretaría Xeral para o 

deporte a visitar as instalacións de Pena Cobertoira. 

3. O Concello do Carballiño tentará a formalización dun convenio coa Secretaría Xeral para o deporte para dotar as pistas de atletismo de material sintético, así como aquelas outras intervencións que permitan utilizar estas instalacións para a práctica do atletismo.