Ourense, primeira en implantar a tarxeta “Xente Nova” para uso gratuíto do transporte en toda a provincia para mozos menores de 21 anos

Manuel Baltar e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, analizaron na reunión celebrada no Pazo Provincial temas de cooperación entre Deputación e Xunta referidos a mobilidade, plans de emerxencia fronte á seca e a situación das fronteiras

No que atinxe aos plans da seca, Ourense é a provincia galega que conta con máis concellos que está a realizar esta medida (16 dun total de 20 en toda a Comunidade Autónoma), sendo a Deputación de Ourense a que máis está a colaborar cara ao inicio da época estival

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, reuníronse hoxe no Pazo Provincial para analizar temas referidos a mobilidade, plans de emerxencia fronte á seca e a situación das fronteiras con Portugal. No que atinxe a mobilidade, informaron da tarxeta “Xente Nova” que se implanta en Ourense, sendo esta provincia a primeira de Galicia en dispoñer deste servizo en todo o territorio provincial, permitindo aos menores de 21 anos da provincia de Ourense realizar viaxes gratis en bus interurbano.

Na primeira semana de implantación da tarxeta “Xente Nova” –que se pode solicitar nas oficinas de Abanca- máis de 240 mozos solicitárona, sendo a súa maioría dos concellos de Ourense (93) e Barbadás (82). “A provincia de Ourense é a primeira de Galicia que ten a tarxeta “Xente Nova” na totalidade do seu territorio para uso nos buses interurbanos, e desde a Deputación de Ourense estamos moi satisfeitos con esta medida que ofrece un servizo importante para as persoas menores de 21 anos que van a ter ese transporte gratuíto”, salientou Baltar.

Pola súa parte, Ethel Vázquez destacou que no encontro analizaron, entre outros temas, a promoción dunha mobilidade segura no transporte público e a implantación da tarxeta “Xente Nova”, “unha tarxeta moedeiro que non precisa dunha conta asociada, senón dun saldo inicial que cada 15 días reembolsarase para un máximo de 60 viaxes ao mes”, explicou, engadindo que na provincia de Ourense permitirá que 5.200 mozos poidan solicitala”, cintado ademais que para o resto das persoas “está activa a Tarxeta Metropolitana de Galicia que ofrece descontos do 10% no transporte interurbano da Xunta de Galicia”, engadiu a conselleira.

Plans de Seca

Outro dos temas abordados na xuntanza foi a convocatoria de axudas publicadas no Diario Oficial de Galicia para a elaboración dos Plans de Seca. Ethel Vázquez agradeceu a implicación da Deputación de Ourense “pois dos 20 concellos que están a elaborar os seus Plans de Seca, 16 son da provincia de Ourense (o 80 %), o que nos permite reaccionar, actuar e anticiparnos para os períodos de seca na provincia de Ourense”.

Manuel Baltar salientou o papel da institución provincial a prol deste asunto, salientando que “dos 20 concellos que Galicia está a facer estes plans de emerxencia 16 son da provincia de Ourense”, e remarcando “o labor da Deputación de Ourense ao aprobar axudas específicas para estes plans e ofrecendo asesoramento técnico para que se poidan implantar, o que reflicte a diferenza que marca a institución provincial en Ourense fronte ás das outras tres provincias galegas en aspectos que tanto nos preocupan e que teñen que ver co medio ambiente e co futuro”.

Os concellos ourensáns que están a elaborar un plan de emerxencia fronte á seca son: Avión, Baños de Molgas, Coles, A Teixeira, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Petín, Manzaneda, A Veiga, O Bolo, Verea, Rubiá, Muíños, Bande, Vilamartín de Valdeorras e Vilamarín.

Manuel Baltar e Ethel Vázquez tamén analizaron a situación das fronteiras da provincia de Ourense con Portugal, e neste sentido, coincidiron en que a situación actual é incompleta e prexudica aos autónomos, Pemes e aos traballadores en xeral e á reactivación económica na crise do COVID-19.