O Psdeg-Psoe analiza cos empresarios do polígono comercial de Barreiros o impulso e mellora das axudas a empresas e autónomos “sen privilexios”

Villarino defendeu a importancia de afondar neste “gran escudo de protección social mensual” que “por primeira vez na historia un goberno español puxo en marcha” O PSdeG propón incrementar os fondos da Deputación para este fin porque un pago de 600 euros é insuficiente ante a importancia da crise e dos problemas que xa arrastraba a provincia

Publicidade

O PSdeG-PSOE analizou co presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Barreiros, Alejandro Cruz, a necesidade de mellorar as axudas para empresas e autónomos, en igualdade de condicións e sen privilexios. Durante o encontro, o secretario provincial, Rafa Villarino, defendeu a importancia de afondar neste “gran escudo de protección social mensual” que “por primeira vez na historia un goberno español puxo en marcha” e que será prorrogado durante os vindeiros meses “para que ninguén quede atrás a causa da pandemia”, logo dos importantes acordos acadados con todos os axentes sociais e económicos.

O líder provincial dos socialistas resaltou, acompañado do deputado no Congreso, Adolfo Pérez Abellás, que “é imprescindible impulsar actuacións neste mesmo sentido en todas as administracións autonómicas e locais”, sempre “sen privilexios e igualdade de condicións porque non hai nin empresas nin autónomos de primeira e segunda”.

Logo disto detallou que o PSdeG propón incrementar os fondos que a Deputación Provincial está a destinar a este fin “porque un pago único aos autónomos e autónomas de 600 euros é insuficiente ante a importancia da crise derivada da pandemia do coronavirus e dos problemas económicos que xa arrastraba a nosa provincia”.

“Queremos chegar a máis afectados e afectadas con mellores axudas”, proclamou. Así mesmo reclaman “as máximas garantías legais” para todas as persoas que solicitaron prestacións da Deputación de Ourense e que poden verse afectadas polas irregularidades na xestión do goberno provincial bipartito de PP e DO.

Os representantes do PSOE resaltaron tamén o papel que están a xogar as axudas do Goberno central na economía da provincia, con máis de 25 millóns de euros destinados, por primeira vez na historia, a máis de 10.000 autónomos e autónomas, e outros 47 millóns para persoas afectadas por ERTE ou que están a cobrar prestacións por desemprego desde o mes de marzo.