A EVEGA presenta os fruto da súa colleita de 2019 no Museo do Viño de Galicia

  • No acto estiveron presentes o director de AGACAL, Manuel Rodríguez; o director da Estación de Viticultura e Enoloxía, Juan Manuel Casares Gándara, e o alcalde de Ribadavia, César Manuel Fernández.

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, presentou esta tarde en Ribadavia a nova colleita 2019 do viño institucional Evega, producido nas parcelas da propia Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia. No acto tamén estivo o director deste centro, Juan Manuel Casares.

Durante o acto, o director sinalou que se trata dun produto con vocación protocolaria e formativa a base dun coupage de variedades autóctonas de Galicia. Neste senso, no caso do viño branco, está elaborado con variedades de albariño, treixadura, godello, branco lexítimo e loureiro branco; mentres que no tinto están presentes as variedades mencía, sousón, brancellao, caíño tinto e mouratón.

AVANTAR ACTIVIDADES

A colleita do viño Evega vense realizando dende o ano 2016 e prodúcense arredor de 550 botellas de branco e de tinto anuais. Ademais, salientou Manuel Rodríguez, a etiquetaxe deste viño xoga un papel moi importante, pois cada edición vaise innovando de xeito que se lle dá a oportunidade a distintos deseñadores para que a confeccionen. No caso da colleita 2019 que hoxe se presenta, a etiqueta conmemora a saída do prelo do primeiro número da revista Nós, de aí que vaia ornamentada con debuxos que Castelao deseñou para a orla das páxinas deste boletín mensual da cultura galega.

Material didáctico

Doutra banda, cabe salientar que a Evega vén elaborando cada ano material didáctico de diferentes temáticas de interese dirixidas ao sector vitivinícola galego. Neste senso, durante a presentación tamén se deron a coñecer un monográfico sobre as principais enfermidades no viñedo galego, e un vídeo formativo centrado especificamente no mildio.

Así, o monográfico “as enfermidades do viñedo galego e o seu control”, céntrase nas principais enfermidades dos viñedos galegos, en concreto o mildio, oídio, a podremia gris e o black rot. Nesta publicación indícanse os momentos máis sensibles da vide a estas enfermidades, descríbese o ciclo infeccioso de cada fungo, as medidas preventivas e os factores ambientais que inflúen nas condicións de desenvolvemento dos fungos.

Cabe destacar que o control e eficacia da aplicación de preparados fitosanitarios no viñedo depende do coñecemento preditivo, antes da aparición dos síntomas e danos na colleita. Por iso, nas 24 páxinas que consta o monográfico, ademais da descrición de cada enfermidade, amósanse máis de 50 imaxes nas que se pode visualizar os síntomas e os danos que producen as enfermidades nos gromos, follas e acios das cepas.

Por último, o vídeo “enfermidades da vide, o mildio”, no que colaborou a Fundación Juana de Vega, céntrase especificamente nesta doenza que require certos recursos para o control fitosanitario do viñedo galego. Nesta peza, o sector poderá coñecer de primeira man os factores que inflúen no desenvolvemento desta enfermidade no viñedo, os síntomas e danos que ocasiona, así como os medios de control a adoptar.Imaxes relacionadas