Veciños da Avenida de Pontevedra e da rúa Pedriña queixanse da presenza de ratas

Varios veciños que se atopan arredor dunha vivenda abandonada entre a avenida de Pontevedra e a rúa Pedriña quéixanse pola proliferación de ratas de gran tamaño asegurando que proveñen dunha casa abandonada e a parcela na que se atopa que ademais está chea de maleza e vexetación. Reclaman ao concello a limpeza e desbroce deste terreo tamén porque hai risco de incendio.

Aseguran que xa se puxeron en contacto co concello do Carballiño pero que ante a falta de solucións ó respecto acudirán á Xunta de Galicia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Unha das afectadas, ademais de amosar a súa preocupación por vivir así, con medo e coa falta de hixiene que isto supón,  referiunos que este ano tivo que levar varias veces o seu vehículo ao taller porque as ratas entran no seu garaxe e roen os cables e gomas do vehículo, e dende entón, ten que estacionar o coche fora.

Precisamente, no pleno da pasada semana aprobouse unha moción de Espazo Común na que solicitaban a aprobación inmediata do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais para a vila e a súa posta en marcha para que fose de aplicación este mesmo verán.

A maiores, hai un ano aprobábase tamén en pleno outra moción desta mesma formación política na que pedían que desde o Concello do Carballiño se elaborase un catálogo con tódolos inmobles que se achasen en estado de abandono; que se habilitasen fórmulas de subvención para facilitar a súa posible recuperación; e que se informase aos propietarios das súas obrigas.