O Psdeg-Psoe reclama ao goberno de Ourense alternativas para a mobilidade sostible

O PSDEG-PSOE RECLAMAN AO GOBERNO MUNICIPAL ALTERNATIVAS PARA A MOBILIDADE SOSTIBLE E CENSURAN O ABANDONO DO USO DA BICICLETA E OS PATINETES ELÉCTRICOS EN OURENSE

Os socialistas esixen ao goberno de PP e DO, xa que non teñen un modelo de cidade nin capacidade de xestión que se poñan a traballar a prol de ofrecer solucións e que se poida construír unha cidade na que haxa convivencia entre os peóns e os usuarios

AVANTAR ACTIVIDADES

O Grupo Municipal Socialista xa instou en reiteradas ocasións á constitución da Mesa de Seguemento do PMUS e un plan de peonalizacións ordeado e coordinado, deixando a un lado as “ocorrencias” e buscando unha gradual implantación na cidade

O PSdeG-PSOE de Ourense critica que se manteña en “precario o sistema de préstamo de bicicletas” e que non se levara adiante ningunha medida para o fomento do seu uso antes, durante e despois da crise do COVID-19 para que sexa un método de transporte alternativo como o está a ser no resto das grandes cidades de Galicia. Polo que esixen ao goberno de PP e DO, xa que non teñen un modelo de cidade nin capacidade de xestión para a resolución de temas clave no ámbito da mobilidade despois dun ano de goberno, que se poñan a traballar a prol de ofrecer solucións á cidadanía; e que da man das organizacións políticas e colectivos vencellados se poida construír unha cidade na que a convivencia entre os peóns e os usuarios doutros transportes alternativos poida ser axeitada, ademais de apostar claramente por mellorar a precaridade na que está tamén o transporte público. A prohibición nunca pode ser a única solución.

Os socialistas recordan que Democracia Ourensana solicitaba xa dende a oposición “unha ordenanza municipal para a regulación do uso dos patinetes eléctricos” mentres que dende a súa chegada ao goberno cambian as tornas e “instan á prohibición do seu uso en vías peonís, ao igual que o das bicicletas”. O concelleiro de infraestruturas e mobilidade, Miguel Caride, prometeu no inicio do mandato o “arranxo das bicicletas abandonadas” polo anterior goberno do PP nos almacéns municipais do Campo da Feira ou incluso a súa doazón a algunha entidade e, pasado máis dun ano, “seguen sen facer nada”.

Dende o grupo municipal explican que a emerxencia sanitaria do coronavirus fixo que noutras cidades galegas “se aproveitara como unha nova oportunidade para implantar un novo modelo de mobilidade a nivel global”, que reducira o uso dos coches e apostara por métodos de transporte alternativos e pola optimización do transporte público. Este feito foi “unha oportunidade perdida a todos os niveis” na cidade de Ourense, e mais despois de aprobar a finais do pasado ano o novo Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). Unha folla de ruta marcada polo PMUS que “segue sen levarse adiante con solvencia e vese claramente nas diverxencias neste sentido de Jácome e Caride” e a inconexión entre todas as medidas adoptadas polo executivo municipal neste sentido.

As medidas máis destacadas neste ámbito durante o último ano foron a “peatonalización” da Rúa Concordia ou a supresión de bolardos, dúas medidas adoptadas sen previsión nin rigurosidade que foron literalmente “caprichos” de Jácome. A realidade en ámbolos dous casos e que acadaron o rexeitamento veciñal e converteron a zona vella nun novo aparcadoiro, roubando espazo aos peóns e dando unha imaxe lamentable para un lugar histórico e turístico.

O Grupo Municipal Socialista xa instou en reiteradas ocasións á constitución da Mesa de Seguemento do PMUS, a implantación do proxecto “Cidade 30” (que conta dende fai tempo xa co informe favorable da Policía Local), a adhesión á “Rede de Cidades que Camiñan”, á recuperación do programa “Camiño Escolar” (que a piques de comenzar o próximo escolar nada sabemos sobre o mesmo), un plan de peonalizacións ordeado e coordinado, deixando a un lado as ocorrencias e buscando unha gradual implantación na cidade, etc.

Grazas as emendas do grupo municipal socialistas ao Regulamento de Transporte Urbano de Ourense, os usuarios de bicicletas e patinetes eléctricos sí poderán acceder coas mesmas aos autobuses, algo que non contemplaba inicialmente o bipartito PP-DO.