Boborás aprobará iniciar o proxecto da área termal Caldas do Orcellón

O Concello de Boborás celebrará este venres 14 de agosto de 2020 un pleno con carácter extraordinario para a aprobación inicial do Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas Termais no manantial de Brués, dentro do municipio, e promovido pola empresa Caldas do Orcellón.

Publicidade

Trátase do primeiro paso para iniciar os trámites do desenvolvemento do Plan Xeral neste caso para logo a instalación dun centro termal no municipio de Boborás que será o primeiro, potenciando a riqueza das augas termais e mineromedicinais existentes no lugar de Brués.

A empresa Caldas do Orcellón xa presentou hai un ano o borrador deste Plan que xa pasou o trámite de avaliación ambiental, e agora quere dar continuidade a este proxecto. O promotor e representante da empresa Christophe S. Delétraz, inversor suízo, vinculado a esta terra a través da súa muller que é de Boborás explica que “se namorou dunha persoa e tamén dun lugar”.  Asimesmo indica que “a calidade das augas de Brués, xunto co feito de que nunca antes foran explotadas, permitirá desenvolver un concepto contemporáneo no sentido ecolóxico, eficiente e económico no medio da natureza e o carón dun  fermoso patrimonio arqueolóxico como é o Castro e Fortaleza  do Orcellón, formando isto tamén parte dos terreos nos que se vai a desenvolver o proxecto e por tanto aportando unha experiencia completa e única para os usuario da futura instalación termal.

O promotor explica que se deixará o acceso gratuíto a poza do manantial xa existente, para o uso e desfrute para poboación local como ata o de agora de viña facendo, e no outro ámbito establecerán prezos acordes o nivel adquisitivo da zona.

Ademais, Delétraz confirma que o desenvolvemento deste proxecto suporá a creación de emprego, e xunto co apoio do Concello de Boborás, convertirase nunha bandeira para promover o municipio socioeconomicamente, e na area turística e termal.

Por parte do Concello de Boborás, a alcaldesa Patricia Torres explica que “estamos moi entusiasmados con este proxecto, necesario e moi desexado entre a nosa veciñanza”. Trátase de “poñer un recurso natural en valor, que será un revulsivo importantísimo para o turismo e a economía do noso municipio” e “quero agradecer a empresa Caldas do Orcellón a súa aposta firme, respectuosa e real con este proxecto, avanzando que contarán coa apoio do concello”.