A segunda regata de piragüismo trae 178 deportistas a Barra de Miño

11.00 horas: Presentación da Copa Deputación de Piragüismo 2020.- Na sala de prensa do Pazo Provincial terá lugar a presentación da Copa Deputación de Piragüismo 2020, acto no que participará o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Coles, Manuel Rodríguez; o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez: o delegado da Federación Galega de Piragüismo, José Manuel Fernández Ortega; e o presidente da Escuela Municipal Ourensana de Piragüismo, José Luis Fernández.

Barra de Miño (Coles) acolle o vindeiro sábado a segunda proba do campionato provincial Xogade, enmarcado na Copa Deputación de Ourense de Piragüismo. A regata foi presentada hoxe no Pazo Provincial, coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Coles, Manuel Rodríguez, o xefe de servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o delegado provincial da Federación Galega de Piragüismo, José Manuel Fernández, e o presidente da Escola Municipal Ourensana de Piragüismo, José Luis Fernández. 

A proba terá lugar o sábado, a partires das 16.30 horas, logo de terse celebrado hai unhas semanas a primeira proba en Castrelo de Miño e precedendo á que se disputará en Muíños o 24 de outubro, puntuables todas elas para a liga provincial de piragüismo. Un total de 178 regatistas a partires de 12 anos de idade daranse cita neste evento deportivo, no que se disputarán diferentes probas individuais con distancias de entre un e catro quilómetros de percorrido. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Rosendo Fernández destacou “a cooperación entre institucións, que fai posible que probas como esta se poidan celebrar, respectando ao máximo as medidas preventivas fronte ao COVID-19, tendo como elemento común a auga, un dos recursos naturais máis salientables de Ourense nos ámbitos social, sanitario, deportivo e turístico”, destacou. 

Pola súa banda, José Manuel Fernández, puxo de relevo “a gran canteira de piragüistas coa que contamos na nosa provincia, salientando a implicación de clubs, directivos, pais e regatistas, e José Luis Fernández agradeceu a colaboración das institucións para facer realidade a celebración desta proba. O alcalde de Coles avogou “por seguir cooperando na mellora das infraestruturas para a práctica dos deportes náuticos”, mentres que Manuel Pérez remarcou o apoio da Xunta “a un evento que contará coas máxima medidas de seguridade”, remarcando “o exemplo deportivo que supón a Federación Galega de Piragüismo”.