O concello de Castrelo de Miño denuncia irregularidades do anterior goberno do BNG en materia de transporte municipal

O alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos e o seu equipo de goberno en pleno, denuncian ante a veciñanza e os medios de comunicación as graves irregularidades que os anteriores mandatarios locais do BNG cometeron no eido do transporte municipal. O alcalde sinalou, que trala consulta ao  Servizo de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia para coñecer a situación administrativa do servizo de Castrelo Bus, recibiu a resposta de que non constaba ningunha solicitude do concello de Castrelo de Miño a tal efecto, nin se iniciara ningún expediente en relación coa coordinación de competencias ante o establecemento ou a ampliación de servizos urbanos colectivos en concellos de ata 50.000 habitantes, regulado pola Lei 6/1996, do 9 de xullo, de coordinación dos servizos de transportes. Avelino Pazos engadiu que no devandito informe tamén se subliñaba que non constaba tampouco a comunicación previa para o establecemento de novos servizos locais por parte dos concellos, prevista no artigo 73.5 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación. Así mesmo, o primeiro edil fixo fincapé no ditado dos artigos 42.3 e 103.3 da Lei 16/1987, de 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres que resolve  que  <<A exención da obrigación de estar en posesión de autorización de transporte… non exime a quen realice os transportes afectados do cumprimento do resto das esixencias contidas nesta Lei e nas normas ditadas para o seu desenvolvemento, nos termos en que lles resulten de aplicación, nin de obter os permisos licencias ou habilitacións que, no seu caso, procedan de conformidade coa lexislación sobre seguridade, sanidade ou tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viario>>.

Medidas legais

AVANTAR ACTIVIDADES

Ante esta manifesta ilegalidade do anterior grupo de goberno do BNG, o alcalde e o seu equipo están a estudar a posibilidade de iniciar medidas legais contra os anteriores xestores pola irregularidades cometidas. Avelino Pazos manifestou a súa intención de chegar <<ata onde faga falla para delimitar a responsabilidade de cada quen>>, pois <<puxeron en risco a integridade de todas as veciñas e veciños do noso concello, sobre todo dos cativos e dos nosos maiores>>. Este servizo estivo en funcionamento sen ningunha cobertura legal prestado maioritariamente por voluntarios de Protección Civil, os cales cobraban unha asignación fixa por hora non sometida á normativa fiscal vixente.

Dende o ano 2011, data en que se iniciou o expediente da ordenanza reguladora do prezo público polo servizo de transporte municipal, o informe de secretaría-intervención xa advertía que non se cumprían os requisitos necesarios; e posteriormente no ano 2014 outro informe do devandito organismo concluíu nun “reparo suspensivo sobre a aprobación e pago destes gastos e futuros deste servizo aos membros de protección civil, baseándose nun remanente de tesourería negativo, resultado orzamentario negativo, incumprindo estabilidade financeira e regra de gasto segundo a liquidación do exercicio 2013, incumprindo o plan de axuste, sen plan económico financeiro e cun déficit importante nun servizo para o que non se tramitou o expediente de municipalización”. Este reparo foi levantado sendo alcalde Xurxo Rodríguez Méndez e asinado por delegación polo tenente de alcalde Alfredo Fernández Rodríguez.

Renovación do servizo

O actual grupo de goberno, ante o despropósito desta situación e a irresponsabilidade de quen a puxo en marcha, non tivo máis remedio que cancelar provisionalmente o servizo á procura da busca de solucións legais que o amparasen. Así, o alcalde, Avelino Pazos, iniciou unha serie de negociacións con membros do sector do taxi de Castrelo de Miño, para atopar alternativas que permitan dalgún xeito renovar as prestacións de mobilidade das veciñas e veciños, e rematar coa competencia desleal que viñan sufrindo os profesionais deste sector. Lembrar que os membros deste colectivo, seguen a pagar os seus impostos no mesmo ente local que os deixou de lado e non se preocupou da súa situación de desamparo total ante a decisión arbitraria que tomou o equipo de goberno do BNG.