O BNG pide apoio ó comercio local de Ribadavia de cara ó Nadal

A actual pandemia está a incrementar a ameaza que os xigantes internacionais do comercio dixital supoñen para as pequenas empresas e o comercio local. Estas grandes plataformas xogan deslealmente no mercado fronte ás empresas locais xa que contan con mecanismos para evadir o pago de impostos e o respecto aos dereitos laborais que si teñen que cumprir os establecementos.

Polo tanto aseguran que é fundamental axudar ó comercio local, que nesta campaña de Nadal poden ter unha oportunidade. A previsible redución de desprazamentos que se vai manter nos próximos meses fai que o comercio de Ribadavia poida incrementar as súas vendas se se consegue que a comarca do Ribeiro merque en Ribadavia e se se impulsa a comercialización on-line dos nosos establecementos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Por este motivo, o BNG propuxo dentro da última modificación orzamentaria dotar dunha subvención aos Establecementos Asociados de Ribadavia para a súa adaptación aos cambios obrigados pola pandemia: comercio on-line, medidas de protección e hixiene, así como a posta en marcha de novos produtos e un reforzo da campaña de Nadal. Mediante o incremento da partida para fomento do comercio en 15.000 euros.

Con estes fondos poderíanse levar a cabo accións promocionais así como a posta en marcha de ferramentas de comercio electrónico nunha plataforma común dos establecementos.

O financiamento destas propostas realizaríase a través da partida orzamentaria 489.00.439, que ten consignados 120.000 euros, dos cales aínda se atopan dispoñibles 58.410€.

Os pagamentos por parte do Concello de Ribadavia ás entidades beneficiarias poderían facerse previa presentación por parte das mesmas entidades de facturas proforma  que recollan os gastos que van acometer e informe correspondente da intervención municipal de que ditas propostas de gasto se corresponden cos fins para os que foron concedidas.