O IGE publica a Estatística de nomes dos neonatos galegos correspondente ao ano 2019
Os nomes máis empregados para as nenas seguen sendo, ao igual que en 2018, Sofía e Noa, mentres que Lara e Lucía pasan a colocarse nos primeiros postos
En canto aos masculinos, destacan Mateo, Lucas, Martín, Hugo e Leo
O Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou esta semana a Estatística de nomes dos neonatos galegos correspondente ao ano 2019, que reflicte que Sofía e Mateo seguen sendo os nomes máis frecuentes das nenas e nenos nados en Galicia.
Os nomes de mulleres máis frecuentes son Sofía, Noa, Martina, Lara e Lucía. Se se compara co 2018, os dous primeiros continúan na mesma posición mentres que Martina sube un posto, ata o número tres, e Lara e Lucía pasan a estar entre os cinco máis empregados. Se se establece unha comparativa con hai unha década, no 2009, Lucía e Noa seguen estando entre os cinco primeiros.
En canto aos nomes masculinos, a estatística mostra que os cinco máis frecuentes son Mateo, Lucas, Martín, Hugo e Leo. A mesma comparativa co 2018 reflicte que estes eran tamén os nomes preferentes nese ano, coa única diferencia de que Lucas e Martín intercambian o segundo e o terceiro posto. Pola contra, se se establece unha comparativa cunha década antes, só se manteñen Hugo e Mateo.
Por outra banda, se se amplía a mostra e se teñen en conta os 20 primeiros nomes, pódese ver como, entre 2018 e 2019, no caso dos nenos, todos os nomes coinciden agás Nicolás, que no 2019 é substituído por Álex. En canto ás nenas, no 2019 soben á lista Olivia, Vega e Sabela e desaparecen María, Antía e Mía. Ademais, na actualidade medra a tendencia a empregar nomes galegos tanto para as nenas (Noa, Uxía ou Sabela) como para os nenos (Brais, Antón ou Iago).
Estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación
O IGE tamén dispón da Estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación a través da cal se pode coñecer a evolución histórica dos nomes en función da comarca, o xénero ou a década (desde antes de 1930 ata a década actual).
Esta estatística ofrece información relativa aos nomes da poboación que ten fixada a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, e permite tamén coñecer a distribución comarcal de calquera nome.
Nomes máis frecuentes en 2018 e 2019
NENOS NENAS
| 2019 | 2018 | 2019 | 2018 | ||
| 1 | Mateo | Mateo | 1 | Sofía | Sofía |
| 2 | Lucas | Martín | 2 | Noa | Noa |
| 3 | Martin | Lucas | 3 | Martina | Daniela |
| 4 | Hugo | Hugo | 4 | Lara | Martina |
| 5 | Leo | Leo | 5 | Lucía | Sara |
| 6 | Gael | Daniel | 6 | Sara | Valeria |
| 7 | Enzo | Manuel | 7 | Valeria | Alba |
| 8 | Manuel | Pablo | 8 | Alba | Enma |
| 9 | Daniel | Gael | 9 | Daniela | Lara |
| 10 | Pablo | Enzo | 10 | Valentina | Lucía |
| 11 | Marco | Marco | 11 | Lía | María |
| 12 | Izan | Brais | 12 | Vera | Carla |
| 13 | Brais | Izan | 13 | Carla | Julia |
| 14 | Adrián | Adrián | 14 | Olivia | Antía |
| 15 | Roi | Antón | 15 | Vega | Uxía |
| 16 | Antón | Nicolás | 16 | Carmen | Carmen |
| 17 | Alejandro | Alejandro | 17 | Emma | Vera |
| 18 | Iago | Anxo | 18 | Julia | Valentina |
| 19 | Álex | Iago | 19 | Uxía | Lía |
| 20 | Anxo | Roi | 20 | Sabela | Mía |

















