Durante esta fin de semana houbo confusión cidadá a causa de como aplicar certas restricións vixentes, sobre se se podía entrar no Carballiño ou non para facer a compra. O Carballiño continúa coa mobilidade restrinxida pero dende o pasado xoves a Xunta de Galicia flexibilizaba as medidas en Boborás e O Irixo e lles permitía xa a libre circulación, autorizándolles, coma ao resto dos concellos da comarca, a acceder ó Carballiño unicamente por motivos de forza maior ou por causas laborais, educativas ou sanitarias. O PP do Carballiño e a alcaldesa de Boborás, informaban a través das súas redes sociais de que a Xunta de Galicia consideraba xustificado parar no Carballiño para facer a compra de alimentos, extremo que non compartían as Forzas e Corpos de Seguridade. Ante as dúbidas cidadás da aplicación desta norma, a Policía Local informa de que, sempre que se poida ter acceso a un produto ou un servizo fora do Carballiño, non se permitirá o acceso ó municipio para adquirilo. Deste xeito, permítese o tránsito pola vila do Carballiño para acceder, por exemplo, ó Gadis ubicado en Maside.
Por outra banda, outro dos problemas a día de hoxe é o do consumo na porta dos bares. Está habendo queixas cidadás porque a xente aproveita o servizo de venda para levar para consumilo na rúa, orixinando que se aglomere a xente neses espazos.