Gonzalo Caballero esíxelle a Feijóo que “recúe” no “intento de purga e represalia” contra o xefe de xinecoloxía do hospital de Verín

AUDIO Gonzalo Caballero Premer na Imaxe

Publicidade

Apunta ao presidente da Xunta como “o responsable político que deu instrucións para abrirlle un expediente a quen é referencia na defensa do paridoiro de Verín”

O secretario xeral do PSdeG de Ourense contrasta a diferenza entre “o Feijóo que recuou” sobre o peche do paridoiro “antes das eleccións e a “prepotencia” que amosa agora

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiulle a Feijóo a que “recúe” e pare o expediente aberto contra o xefe de Xinecoloxía do Hospital de Verín. O líder dos socialistas galegos viaxou hoxe ata a localidade ourensá onde participou na recollida de sinaturas para frear este “intento de purga e de represalia” contra quen foi referencia na defensa do Paridoiro hai un ano.

Gonzalo Caballero dixo que “Galicia necesita máis médicos e médicas, máis xinecólogos e xinecólogas, máis enfermeiros e enfermeiras, e menos purgas e represalias”, e engadiu que “non podemos consentir un expediente político contra un profesional sanitario fundamental para a continuidade do servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín”.

Sinalou ao presidente da Xunta como “o responsable político que lle deu instrucións a Rubial -xerente da Eoxi de Ourense- para que abrira un expediente contra o profesional que é referencia na defensa do paridoiro de Verín”. “Non llelo podemos consentir, e entre todos e todas defendemos unha Galicia na que defender a sanidade pública sexa un valor e non un motivo para o castigo”, remachou.

O responsable socialista lembrou que Feijóo “tivo que recuar hai un ano -cando intentaron pechar o paridoiro- porque incluso o PP de Ourense, nun xogo cínico da dereita, lle dixo que iso non podía ser, igual que agora está ocorrendo de novo”. Caballero apuntou á “incipiente mobilización” en Verín para “recoñecer a honorabilidade e a profesonalidade de Castrillo e impedir o expediente”.

Chamou a “dar a batalla para defender á sanidade pública” porque, concluíu, “a represalia contra o doutor Castrillo vai contra todos e cada un dos galegos e galegas que defendemos que se mantivera aberto o paridoiro de Verín”.

“PARECE MENTIRA”

O secretario do PSdeG de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, acompañou a Gonzalo Caballero na súa visita á localidade ourensá, onde salientou o “clamor popular, con independencia dos partidos políticos” en favor do xefe de Xinecoloxía do Hospital. Sinalou que “parece mentira que teñamos que recorrer de novo á loita para defender a un profesional que o único que fixo foi que a natalidade, ese ben escaso no rural, estea protexida”.

Contrastou a “diferenza que hai entre o Feijóo de antes das eleccións, que recuou e recoñeceu publicamente a necesidade de manter o paridoiro, e o Feijóo prepotente que non responde ás preguntas que se lle fan cando se abre este expediente no que non se aclara o porqué”.

Censurou a resposta do presidente da Xunta á pregunta de Gonzalo Caballero onte no Parlamento, cando respondeu que en Verín “están moi contentos porque lle votaron o 48 por cento”. Sinalou que “todos sabemos que non lle entregaron o voto pola súa xestión en Verín”.