O BNG advirte que os veciños da Merca “non se resignan a ter auga só 5 meses ao ano”

As nacionalistas critican que o PP leve tres anos negándose a unha rebaixa nas taxas cando falla o servizo e que, por riba, este verán aumentase as tarifas coa escusa de sufragar obras na infraestrutura.

.- “Os veciños da Merca non se resignan a ter auga só 5 meses ao ano”, di Teresa Garrido, a concelleira do BNG na Merca, e critica a xestión do goberno municipal do PP, empeñado en non cambiar o punto de captación no Arnoia para atallar o problema da contaminación. “Se veciñanza non se resigna, o Bloque tampouco”, engade, “non nós conformaremos con que a Merca só poida ter auga potábel cinco meses, e por riba teña que pagar taxas cada vez máis altas”.

Desde maio até finais de novembro, non houbo auga potábel para consumo humano en todo o concello. A contaminación, por altos niveis de trihalometanos, levou o goberno local a prohibir o seu uso. A solución acordada polo PP no 2018, o vaso de decantación, operativo desde esta primavera, fracasou.

Publicidade Premer na Imaxe

“Pensamos que o goberno municipal non lle puxo moito interese á cousa, porque xa non os collía de sorpresa, como no 2018, pero non fixeron nada. O vaso non funcionou, e nunca se tomaron a molestia de analizar a proposta do BNG de cambiar o punto de captación. Quizás porque é unha proposta do BNG…”, di Teresa Garrido.

Durante estes sete meses, o BNG da Merca presentou mocións no pleno, informou veciñas e veciños nun folleto postal, solicitou a intervención da Deputación, da Valedora do Pobo, alertou na prensa e mesmo até o Parlamento español cunha emenda aos orzamentos do Estado para que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil actuara no Arnoia. E, mentres, reclamou do goberno municipal unha rebaixa nas taxas, xa que o servizo que se estaba a prestar aos veciños era incompleto.

“Desde que apareceu o problema en outubro de 2017, o PP nunca tivo intención de facer rebaixa ningunha. Este pasado mes de agosto, dixeron que as obras que estaban facendo obrigábaos a aumentar a taxa. No recibo do segundo trimestre xa se produciu un incremento, así o temos denunciado”, explica a portavoz nacionalista.

Dúbidas sobre a solución

Garrido tamén expresa dúbidas sobre a solución adoptada nos últimos meses. “O PP sempre foi moi contrario a utilizar tratamentos químicos. Agora toparon este recurso da cloración nos tres depósitos. Temos que pensar que está funcionando. Pero estamos xa a finais do outono, os caudais medraron… haberá que esperar á primavera que vén cando volvan baixar os caudais”. O BNG insiste en que, dado que os concellos limítrofes que toman auga do Arnoia non sofren a contaminación por trihalometanos, hai que buscar a raíz do problema no punto de captación, “moi próximo á presa da central e onde se produce gran concentración de materia orgánica e, co caudal baixo, como é normal en épocas de seca, a temperatura da auga é anormalmente alta e xera a contaminación”.

A concelleira nacionalista tamén se mostra preocupada pola desatención do goberno municipal ás fontes. O BNG solicitou en pleno este verán que se analizaran esas augas. A concelleira responsábel comprometeuse, mais a finais de novembro as analíticas aínda non estaban feitas.

Decepción coa resposta da Valedora

Garrido tamén está decepcionada pola resposta da Valedora do Pobo diante da queixa presentada polo BNG. “Parece que a Valedora asumiu como certas, sen máis, as explicacións do secretario no escrito de resposta e non solicitou información adicional ningunha sobre os riscos aos que está sometida a poboación deste concello. Por exemplo, a Valedora admite como resposta supostas obras de mellora da rede sen preguntar por que se o problema está “só nun depósito” e “nas tubaxes”, segue existindo o problema. E no caso das fontes, tamén mira para outro lado. Parece estar de acordo en que as fontes públicas non se analicen nin se comunique á poboación se esa auga é apta ou non”, conclúe a concelleira nacionalista.