O delegado territorial da Xunta en Ourense Gabriel Alén clausura o obradoido de emprego ‘Caldelas V’ en Castro Caldelas

  • O delegado territorial aproveitou este acto de clausura para anunciar que a Xunta de Galicia aprobou na recente convocatoria de obradoiros a concesión dun novo proxecto, ‘Caldelas VI’, na que a Consellería de Emprego e Igualdade investirá case 347.000 euros
  • Gabriel Alén expuxo as vantaxes que supoñen os obradoiros de emprego como é a súa contribución a fixar poboación no rural e, neste senso, lembrou que para o Goberno galego o rural é unha prioridade
  • O delegado territorial tamén destacou que “ninguén coñece mellor que os concellos as demandas e necesidades dos cidadáns, as obras e servizos máis necesarios e as oportunidades de emprego de cada zona”

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá na clausura do obradoiro de emprego ‘Caldelas V’ no concello de Castro Caldelas, co acto de entrega de diplomas aos 20 alumnos que participaron no proxecto, no que a  Consellería de Emprego e Igualdade investiu máis de 475.000 euros.

O delegado territorial aproveitou este acto de clausura para destacar “a colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para intentar que estes obradoiros teñan continuidade na creación de postos de traballo nun futuro”, e anunciou que a Xunta de Galicia aprobou na recente convocatoria de obradoiros a concesión dun novo proxecto, ‘Caldelas VI’, no que a Consellería de Emprego e Igualdade investirá case 347.000 euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén lembrou que os alumnos reciben hoxe os seus certificados de profesionalidade, que teñen validez en todo o territorio nacional, expedidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia. Estes documentos demostran a preparación e habilidades adquiridas, o que vai “incrementar moi significativamente a empregabilidade do alumnado”, e expuxo as vantaxes que supoñen os obradoiros de emprego como é a súa contribución a fixar poboación no rural. Neste senso, lembrou que para o Goberno galego o rural é unha prioridade.

O delegado territorial tamén destacou que os obradoiros, ademais de ofrecer unha formación de calidade e un acceso a un emprego cun contrato fomentan a colaboración institucional. “A formación é a chave que pode abrir oportunidades de cara ao futuro no eido laboral”, indicou, ao tempo que asegurou que “ninguén coñece mellor que os concellos as demandas e necesidades dos cidadáns, as obras e servizos máis necesarios e as oportunidades de emprego de cada zona”.

Durante este ano de actividades, os alumnos-traballadores desenvolveron as súas tarefas nos módulos de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e  fábricas de albanelería. Deste xeito, no concello de Castro Caldelas executaron entre outras, as obras de construción dunha balsa para aprovisionamento de auga para uso de extinción de incendios no monte veciñal en man común da Matanza, na Serra de San Martiño, e traballos de repoboación forestal e tratamentos silvícolas en varios lugares como Tapadas Novas, Fonteiriña ou Portela. No concello da Teixeira executaron a construción de dúas balsas de almacenamento de auga para o seu uso na extinción de incendios en Cascalla, parroquia de Celeiros, e en Cimadevila, parroquia de Lumeares. Así mesmo, acometeron tarefas de repoboación forestal e tratamentos silvícolas en Monte Pedreira e en Monte Pedra do Sol. No concello de Montederramo, erixiron unha balsa de almacenamento de auga para o seu uso contra o lume no alto do Valisco e levaron a cabo traballos de repoboación forestal e tratamentos silvícolas no monte comunal Serra de San Mamede.

No acto de clausura, no que participaron a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega e os alcaldes de Montederramo e A Teixeira, Antonio Rodríguez e Miguel Antonio Cid, o delegado territorial subliñou que, a formación que se imparte nos concellos está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna polo que algúns alumnos atopan emprego incluso antes de rematar a súa formación.