Presentación do libro: “O IRIXO. PATRIMONIO CULTURAL” de Xulio Dobarro

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Xulio Dobarro presentou onte a noite no concello do Irixo o seu libro “O IRIXO. PATRIMONIO CULTURAL” que tal e como indica o seu nome recolle o moito e bo que ten O Irixo en canto a patrimonio.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Tanto o alcalde do Irixo Lito Cerdeira como o escritor Luis Tosar e outras persoas acompañaron ao escritor neste acto

Xulio e colaborador de Badal Novas, e para os seus lectores resume un pouco o que é esta magnifica obra.

 Hai unha serie de tópicos, máximas e refráns, comunmente aceptados, que con respecto á vida/existencia, por exemplo, din que “A infancia é a verdadeira patria do home” (Rilke:Praga: 1875-1926), pero tamén hai a versión popular  que di que “O boi non é  de onde nace, senón de onde pace”. Pois ben, nesta corda frouxa-controversia, móvome eu desde que nacín. Unha especie de corazón partido,  -porque a cabeza tiña que estar no seu sitio-, aínda que a alma seguise apegada á infancia.

 Hai aínda outras consideracións, como a  do poeta hindú Rabindranath Tagore: (1861-1941) que vén ao caso con respecto ao que se refire á conservación do patrimonio que na súa opinión sostiña que :”Non se coida o que non se ama, e non se ama o que non se coñece”. Entón xorde a idea do coñecemento, e como un dos soportes fundamentais da memoria,historicamente, o libro.Tamén aquí, ao falarmos de libros, a tradición culta e popular teñen a súa impronta, así, desde a antiga Roma, Cicerón xa advertía que “Un fogar sen libros é como un corpo sen alma”,e , máis modernamente, os eslógans que promoven as campañas en favor da lectura, do tipo:”Todo está nos libros” ou” Un libro a mellor compaña”…etc.

A Carballa de Casares

 Amais de todos os anteriores, aínda hai outros tópicos como o de que a vida debe acadar tres metas: “plantar unha árbore, -neste momento máis ca nunca pola catástrofe climática-; ter un fillo -a crise demográfica e, en particular, a Galicia baleirada é un clamor-, e escribir un libro -non por vaidade senón por contribuír cada un co seu  grao de area ao coñecemento da nosa contorna e abrir interrogantes que alguén poderá resolver-.

  Con estas premisas e tendo moi presente outra frase moi popular de “que ninguén é profeta na súa terra”, eu, se non profeta, non me importaría ser recoñecido como un humilde “estu-labra”, que cunha certa dose de milagre, de sorte e de curiosidade fun abrindo a miña andaina particular.

 Pois ben, entre tópicos e refráns, chego ao que segundo un proverbio árabe resume parte desa andaina: ”libros, camiños e días dan ó home [muller] sabiduría”. Así é como con sabiduría limitada, algúns libros lidos e algúns camiños andados chego ata aquí con este traballo, froito dunha preocupación que no seu día puxeramos en común o alcalde, Manuel Penedo, -Que en E.P.D- con respecto á normativización e normalización dos topónimos do concello -Tiña curiosidade por saber a que viña iso de Guixavara. Para min foi unha novidade escoitar ee nome).

 Así, a idea inicial da toponimia foise ampliando na medida que un se ía adentrando na espesura da historia, o patrimonio, as tradicións, etc. ata obter como resultado este traballo.

 Todos estes tópicos, frases feitas e refráns poden quedar moi ben, pero, en realidade, que é “O Irixo.Patrimonio cultural”.Pois,quere ser un percorrido por todo aquilo que sexa susceptible de descubrir, preservar, desfrutar e legar ás xeracións vindeiras :“O Irixo polos catro costados”onde é  todo o que está, aínda que non está todo.

 Con respecto á toponimia recóllense os nomes dos lugares que ata a actualide son os oficiais segundo o Nomenclátor da Xunta e propoñénse unha serie de cambios, que son bastantes, aínda que non o pareza:A Ponte, O Concieiro, Nogueiroa, A Filgueira, As Laxas, etc., así como algúns que están a punto de fosilizarse:O Foxo, As Cales, Ferradás…

 Engádese unha mostra sobre microtoponima de dous lugares (Casares do Campo e Saavedra), por se poden valer como estímulo para que máis persoas se sumen ao proxecto Galicia Nomeada.E, tamén un exemplo da importancia que teñen os nomes de familia como identificación principal na tradición oral (Oicónimos) en seis lugares da parroquia do Campo, que como todos sabemos aqueles son máis informativos que os nomes de pila e apelidos.

 Polo que respecta á documentación histórica, e ao obxecto de evitar falsas interpretacións e transcricións erróneas, inclúo algúns documentos facsímiles -reproducións literais-, tanto do Arquivo Muicipal (fundación Francisco Ferradás Dapena-David Ureña) como do A. Histórico Provincial de Ourense (Apeos) ou do Ministerio de Cultura (Catastro de Ensenada-1753, 1760), o Diccionario Madoz e outros documentos soltos, como por exemplo “As papeletas xeográficas do Padre Sobreira” ou de “El monasterio de San Salvador de Chantada” ou de “ san Pedro de Dozón”.. ou do Arquivo do Reino de Galicia (conflito entre os veciños de Orros e os de Irixe, A Ponte(1805), e do bispado (desagregar algúns lugares da parroquia do Campo e incorporalos á de Dadín)…

 Para a Galicia moderna foi de moitísima utilidade a base de datos que na plataforma Galiciana se pode consultar o que foi actualidade nos dous últimos séculos:chámense feiras, romarías, construción do ferrocarril, estraperlo,ou por exemplo a crónica que relata en 1917 A. López Carballeira, un amigo de Román García Novoa, na súa visita á Casa Grande de Sueirexe, que non só é unha mostra da relevancia do fidalgo, senón tamén como retrato fixo dese momento: A feira do Tellado, o tipo de construcións, etc.A construción do ferrocarril, os túneles,a estación, a inauguración do trazado Ourense-Santiago, inauguración da liña eléctrica a San Cosme ou o proxecto de concentración parcelaria (O Campo-San Cosme)son outros motivos de consideración, e de moita transcendencia, aínda que menos da agardada.

 Aínda reservamos unha sección adicada aos vellos camiños a Santiago, que en moitos casos se cruzan cos dos arrieiros, e, en particular, para propoñer a recuperación do que podemos denominar como “Camiño Nós”, que neste ano 2020 está de  actualidade por cumprirse o centenario da Xeración Nós, que no 1926 levaron a cabo esta ruta os máis destacados membros do grupo Nós (Risco, Otero Pedrayo, Monxardín e o cronista Xavier Pardo Bedia, responsable da crónica da viaxe e publicada na Nosa Terra) e na que dan constancia  abondo detallada da súa pasaxe polo Irixo.

 A cuestion demográfica é abordada coa presentación dunhas táboas que alertan do descenso  estrepitoso da poboación nos últimos 100 anos (de 6000 a 1400) e unha mostra sinxela do que foi a principal causa da decadencia da poboación: a emigración e o subdesenvolvemento agrario. Esta baixa taxa de número de habitantes por Km. Cadrado (Aprox do 12 %). é a que vai permitir que entremos dentro dos programas que se van activar proximamente por parte da U. Europea e situarnos aos niveis dos lugares máis inhóspitos.

 Tamén se lle reserva un espazo -fundamentalmente visual- para aquilo que podemos considerar como patrimonio natural e que poderían ser motivo de atención para ser elevados eses espazos ou motivos individuais á categoría de conxuntos ou árbores senlleiras (Munín, Surribas de Froufe,O Tellado, etc.).

  Ás persoas, que dun xeito ou outro teñen contribuído a ese patrimonio en sentido amplo,e que algunhas delas xa foron recoñecidas como fillos predilectos ou fillos adoptivos do concello do Irixo, tamén se lles reservan unhas páxinas, e a algunha que non se lle ten recoñecido ese mérito ou outros si debería terse en conta. Estou a pensar, por exemplo, en Emilio Duro Peña que, pola súa extensa obra de investigación e coincidindo co seu XXV aniversario do pasamento, ten que ocupar un  lugar relevante dentro desa nómina de persoas senlleiras. Ademais, nestes días saltou aos medios de comunicación porque o seu libro, “El  monasterio de San Esteban de Ribas de Sil”  é a base fundamental de documentación para a novela de María Oruña, “O Souto dos catro ventos”, tal e como ela recolle dentro da propia novela e nas declaracións aos medios, pola curiosa coincidencia da descuberta dos “aneis de S, Estevo” e a aparición da novela nas librerías.

 Con respecto á fotografía, téñase en conta que non foi encargada a ningún profesional, xa que maís que buscar a técnica e a arte depurada, o que se pretendeu foi captar moitos lugares e momentos que sobre o terreo nos poñen en antecedentes do que pode ser unha RUÍNA total, do patrimonio arquitectónico especialmente, agás algunhas honrosas excepcións.

 A parte final está reservada para unha versión persoal do que se pode considerar como maís peculair de cada parroquia e a modo de Ramo, ou fin de obra, como se viña facendo tradicionalmente cando se remataba un traballo ou se lle entregaba a testemuña ao ramista da festa do ano seguinte.

 Para aqueles que queiran afondar, nestas ou noutras cuestións realtivas ao coñecemento do Irixo, dou unhas pistas de consulta da bibliografía consultada, así como un índice toponímico que facilte a busca. Na lapela aínda queda un espazo reservado para o lector que propoña cambios ou interrogantes.

 Sería moi longo ter que nomear todos os agradecementos a persoas que, dun ou outro xeito teñen contribuído  co seu grao de area, pero non podo deixar de lembar a Gonzalo Navaza polo prólogo que precede o texto, así como á alcaldía do Irixo polo seu apoio e  humilde colaboración económica.                 

                         O AUTOR: “ DA MIÑA CASTE”

Sería moita fachenda pola miña parte o de vir a presumir de orixes aristocráticas ou de familias acomodadas, porque non quero, e ademais, non sería verdade. Pero non por iso vou deixar de falar de min mesmo, cunha breve concesión á vaidade.

 Así, o meu nome de pía ten pasado por varias transformacións: oficialmente, tanto para a igrexa como para o xulgado son, e sigo sendo, Julio, pero, como sabemos a pronuncia do “iota” nunca se levou ben cos galegos e mesmo a algún naipelo lle custou algún castigo por aquilo de ter dificultades na escola para nomear a provincia de “Guadalajara” e así era habitual que me chamasen “Gulio” cunha mestura na pronuncia de gheada e de iota castelá.Logo, tamén algunha vez se me ten chamado “Julito” cunha certa ironía ou insinuación de “refinado”.A versión, entre afectiva ou de compaixón, é a de “Xuliño”. Por último, no ambiente laboral e das amizades máis tardías predomina a variante “Xulio”, aínda que non oficial. En resumo, que a evolución do meu nome de pía foise mimetizando segundo o ritmo cambiante dos tempos.

 De todos os xeitos tampouco tiña demasiada importancia, porque onde realmente está a identificación coa familia, cos devanceiros, é nos apelidos ou nos alcumes de cada casa.

 Así, por parte de nai, son da estirpe dos Ferradás,ou que veño sendo dos do “Xoia” de Casares, aquel moi estendido no concello e, en particular, na parroquia do Campo entre Orosa e Casares, e do que nos debemos sentir moi honrados ao ter dentro da nosa liñaxe a unha persoa que foi a benfeitora da escola da Lama, hoxe tristemente reconvertida en velatorio e que segundo documento asinado ante notario segundo o cura que durante  moitos anos foi da parroquia, don David Ureña,aquela nunca debería ser destinada a outros fins que non fosen os de escola, segundo consta na doazón que fixera Francisco Ferradás Dapena de Orosa para escola de primeiras letras arredor do ano 1840, e que pode ser considerada a primeira do concello.Este feito xeneralizouse na provincia coas doazóns dalgunhas familias e o apoio da igrexa,así como a solidariedade dos veciños ,dada a necesidade de contar cunha base mínima de lectura,escritura e aritmética para defenderse diante as innumerables regulacións de bens para apeos, foros e outras necesidades perentorias.

 Polo que respecta a Dobarro, que veñen sendo os de Zacocho de Saavedra, hai unha estela que desde as terras altas de Froufe e Zobra se estende en dirección á Cidá e a Saavedra.Á parte doutras liñas familiares pola parte do Ferrol, que é onde se concentra máis este apelido (-Non olvidemos o que foi o popular cantante Andrés Dobarro, cando no seu momento de popularidade me preguntaban se era da miña familia).

 Ambos os dous apelidos están sobradamente documentados desde tempos atrás; por exemplo no Catastro de Ensenada, e o de Francisco Ferradás, xastre, tamén volve aparecer como testemuña no proceso que se seguiu contra os veciños de “Irixo de Arriba, de Abaixo e Ponte” por parte dos de Orros  e outros lugares da Cidá con respecto ao aproveitamento das augas que viñan de Nabás e do Bruñedo.Con respecto a “Dobarro” é un apelido moi repetido no Catastro de Ensenada, especialmente pola parte de Froufe e, en particular, como copropietario dun muíño no río Viñao entre Saavedra e Santiso, Lucas Dobarro, e que aínda hoxe os veciños recordan tres deles: O de Lucas, O do Valente e O do Fondo; o que nos fai cabilar que ese Dobarro corresponda ó “muíño de Lucas”.

 Con respecto ao signifiado dos apelidos e a súa antigüidade podemos dicir que “o barro” xa está no libro do xénese do antigo testamento, pois, como é sabido, segundo a teoría creacionista, Deus creou o home a partir desa arxila e despois a muller a partir da costela de Adán. En canto á orixe do  vocábulo barro do galego común, diremos que é prerromano, probablemente celta.

 Por outro lado, Ferradás, debe ter que ver con “ferratales” , os sinais que servían de demarcación entre as diferentes xurisdicións, coutos e señoríos, que a base de ferraduras se cravaban nas rochas, e tamén nas paredes da entrada das casas, pois eran un motivo frecuentemente  empregado para espantar os malos espíritos e atraer a boa sorte. Esta palabra presenta, polo tanto, unha forma derivada de ferro, como é o caso de Ferreiro, Ponferrada, etc.

 Na toponimia, xa sabemos que, entre nós, son ben coñecidos os lugares de “Barro” (O Barro, antigamente)en Loureiro e San Cosme, así como o case esquecido Ferradás en Reádigos.

 Non vou trasladarme á xeración das  miñas  avoas maternas nin aos segundos apelidos dos avós paternos onde aparecían os “Fernández”,”Fariñas”, “Conde” ou “Ochogavía”, todos eles de ampla representación na localidade.

 Por outro lado, podo engadir que, coma min e outros moitos, andei por camiños e carreiros -hoxe  esquecidos- de moitos lugares do concello  e estiven á mesa en moitas casas de case todas as parroquias, cando era habitual esa práctica tan sa,entre os veciños.

 Cando está a rematar este ano de andazo e incertidume, e que a marca “O Irixo” se bota a andar, é quizais, un bo momento para reivindicar a “Irixensanía”, non como algo que soe a localismo  ou chovinismo, senón como un sentimento, unha actitude ante a vida, e como unha peza máis dese crebacabezas que tamén deu en chamarse “Ourensanía”.

Xulio Dobarro Ferradás. O Irixo, Nadal de 2020.