O PSOE asegura que a reforma da OU-0304 non conta con proxecto da Deputación para Castrelo

Casa do Concello de Castrelo de Miño.

O PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño denuncia que o alcalde do Partido Popular, Avelino Pazos, e o seu equipo de goberno dedícanse a “vender fume” sobre a suposta mellora da OU-0304 que une as parroquias de Astariz e a Armada, cando nin tan sequera hai un proxecto redactado para as obras de acondicionamento, mellora e ampliación.

O Boletín Oficial da Provincia de Ourense recollía o pasado 2 de xaneiro os plans provinciais de colaboración ás obras e servizos de competencia municipal e de estradas entre as que figuraba o acondicionamento e mellora integral da estrada OU-0304 e para a Deputación de Ourense destinaba un investimento de 250.000 euros. O Grupo Municipal Socialista en Castrelo de Miño decidiu solicitar o acceso ao expediente no ente provincial a través do Grupo Provincial Socialista, pero para a súa sorpresa “non había ningún proxecto asociado nin redactado”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A voceira do PSdeG en Castrelo de Miño, Catalina González Álvarez, preguntou no pleno do pasado xoves en que consistía o proxecto e a que se ía dedicar os 250.000 euros incluídos neste plan. “O alcalde contestoume que este importe estaba destinado a expropiación de terreos, algo que os socialistas consideramos unha nova mentira e unha cortina de fume que o rexedor quere correr para evitar falar das realidades do municipio que son as do abandono e o desleixo por parte tanto do goberno provincial como municipal”. Tamén apuntan a que esta cantidade “é moi pequena xa que estamos falando dun tramo de 8 quilómetros”.

González interesouse polo proxecto e corroborou que a Deputación de Ourense “non é seguro que leve a cabo o proxecto, xa que segundo nos comentaron e debido a pandemia do coronavirus, non saben aínda se disporán dos fondos necesarios para arrancar esta obra e máis cando aínda non hai nin proxecto redactado”, sinala a voceira socialista, que tamén apunta que “é un proxecto que levamos anos demandando e que a veciñanza reclama por insistencia, pero que de momento non se vai facer realidade”.