O Psoe propón á Xunta que incremente as aportacións para o SAF

Marina Ortega lamenta que o goberno galego “saia dando titulares como que agasalla horas do SAF aos concellos” cando “engana á opinión pública” e “practica o método: Eu convido, ti pagas”

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2021. A voceira de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, vén de propor á Xunta aumentar as aportacións da administración autonómica para Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ordinario, así como a eliminar o copago das persoas usuarias para “que sexa asumido pola administración”. Fíxoo, hoxe no Parlamento, durante a presentación dunha proposición non de lei, que foi rexeitada polo PP.

AVANTAR ACTIVIDADES

“O goberno galego sal dando titulares como que agasalla horas do SAF aos concellos e veciñanza, cando en realidade o que está a practicar cos concellos é o método: Eu convido, ti pagas”.

Ortega lembrou que o 11 de abril a Xunta anunciou un SAF extraordinario “para responder a situacións de emerxencia durante o tempo da alerta sanitaria causada pola covid”, nese momento, “comprometeuse a asumir o custe dos mesmos, aumentando a súa cota por hora a 12 euros, e asumindo o copago” do servizo.

Pola contra, no caso do SAF ordinario, a Xunta “paga como moito a 9 euros á hora e aforra o copago que recae nas persoas dependentes”, sinalou a socialista, quen pediu a Xunta que equipare os termos do servizo ordinario cos do extraordinario.

A responsable socialista incidiu en que “para o bo funcionamento” do SAF “só cabe que a Xunta aumente a aportación que lle corresponde e libere aos concellos dunha carga inasumible para as arcas municipais”, tendo en conta “o esforzo que os concellos fixeron asumindo competencias impropias en moitos casos para que ninguén quedase atrás nunha crise de tanta envergadura”.

Nesta liña, Ortega lembrou que as competencias sobre o servizo recaen directamente sobre a Xunta de Galicia, xa que “a lei 39/2006 fai responsable” á administración autonómica da planificación xeral deste servizo, co que esixiu ao goberno galego que deixe de “afogar aos concellos”.

MATERIAL DE PROTECCIÓN PARA O SAF: “É INACEPTABLE QUE AS AUXILIARES TRABALLEN SEN FFP2”

No contexto da pandemia da covid, Ortega urxiu a posta a disposición dun “enlace provincial con Sanidade” para facer cribados e axilizar os rastrexos. Ademais, instou á Xunta a dotar ao sector de material de protección para evitar a propagación do virus, xa que “é inaceptable que as auxiliares traballen sen FFP2”.

Doutra banda, Ortega pediu un “impulso e reforzo do SAF”, baseado na coordinación con axentes sociais e administracións locais; a “reformulación do servizo” con máis profesionais e “dentro dun novo concepto global de atención aos nosos maiores e persoas dependentes”; así como máis formación para a incorporación de máis profesionais ao servizo.